Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Algunos dos mozos participantes, trabalando na súa 'app' ata o último minuto.

'Hackathóns': pode o próximo Google nacer dun evento de 24 horas?

  • EXPANSIÓN ECONOMÍA DIXITAL foi testemuña do primeiro 'hackathon' organizado por Join, iniciativa de Telefónica. Vinte e catro horas de traballo intenso que deron lugar a 10 'apps' cun obxectivo: mellorar a vida das persoas.
Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 03/10/16 (14:18)

O reto era tan amplo como ambicioso: crear unha aplicación móbil Android que servise para mellorar a vida das persoas, nos ámbitos da saúde, a educación e o benestar persoal. Só unha condición: utilizar para iso a tecnoloxía Snapdragon 625 de Qualcomm, co-organizadora do evento, que estaba patrocinado por BQ e Movistar.

O hackathon arrincou o xoves e durou ata a mañá do venres. A maioría dos participantes (máis de 300) pasou alí a noite; non había tempo que perder. Todos eles eran mozos de entre 18 e 30 anos (a maioría roldaba a vintena), atraídos "pola experiencia" e, para que negalo, polo atractivo premio que recibirían os tres proxectos gañadores: 5.000, 3.000 e 2.000 euros.

Este hackathon distinguíase por que os participantes coñecían as condicións do reto unha semana antes. Por tanto, moitos traballaran na súa idea con antelación. Noutras ocasións, os programadores chegan ao maratón de desenvolvemento completamente a cegas. A diferenza entre un formato ou outro estriba nos obxectivos que busque a organización. Dar aos mozos as instrucións con antelación garante probablemente un maior grao de desenvolvemento e unha mellor calidade dos proxectos, mentres que os hackathóns a cegas permiten identificar as persoas máis creativas e eficaces, e resultan ideais para a captación de novo talento.

Os hackathóns, de tódolos tipos, convertéronse nunha fórmula bastante corrente de buscar novas ideas e talento novo. Esta mesma semana, só en Madrid, a empresa de crowd engineering Ennomotive, en colaboración con IE Business School, Ferrovial e Endesa, organizou o primeiro hackathon de Europa para apps de Industria 4.0. E, o fin de semana pasado, alumnos do British Council School de entre 10 e 16 anos participaron nun hackathon sobre ciberacoso.

Pero volvamos á iniciativa de Join. As ideas que xurdiron desas 24 horas de traballo foron:

  • Unha app para servizos de emerxencia que envía a localización do usuario e permítelle enviar notas de audio
  • Unha app que, utilizando a cámara do teléfono e aplicando tecnoloxía de recoñecemento visual, permite identificar os síntomas previos de somnolencia.
  • Unha app de realidade virtual aplicada ao ensino
  • Unha app para que os nenos que van sós ao parque poidan enviar unha alerta rápida aos seus pais en caso dunha emerxencia.
  • Unha app para persoas maiores que viven soas, que identifica por exemplo se caen ao chan, ou se saen da súa ruta habitual.
  • Unha app para vehículos que, en caso de posible accidente, se o condutor non responde en 10 segundos, manda unha alerta aos servizos de emerxencias.
  • Unha app onde os individuos poden aloxar o seu historial médico, coa súa respectiva versión para os sistemas de emerxencia.
  • Unha app para que os estudantes que non poden asistir a clase poidan 'percorrer' os libros de texto a través de realidade virtual e aumentada (recibiu o primeiro premio).
  • Unha app onde o usuario informa das súas alerxias e que, en caso de emerxencia, notifica destas ao centro médico máis próximo.
  • Unha app que notifica automaticamente ao servizo de emerxencias máis próximo e informa a este do perfil médico e o posible diagnóstico do usuario.

Todas elas son boas ideas, pero probablemente estea a pensar en que moitas xa se lle ocorreron a vostede antes... En efecto, os mozos traen frescura a unha organización; unha nova maneira de entender a vida e o traballo; un punto de vista diferente sobre a realidade que é absolutamente necesario para enriquecer ao conxunto dun equipo. Agora ben, se nos fixamos, os modelos de negocio máis disruptivos hoxe en día non consisten en produtos e servizos verdadeiramente rompedores, senón máis ben nunha combinación inédita de produtos e servizos que xa existen.

Pense en Uber, Airbnb, Booking.com, Google... O valor destas empresas é a súa capacidade para integrar solucións e ofrecelas ao usuario dun modo simple, útil e atractivo.

A pregunta é, ¿pódese verdadeiramente extraer ideas disruptivas dun hackathon? Si, aínda que hai que saber mirar. Sen dúbida existen detalles de deseño e conceptualización que poden marcar a diferenza entre un produto de éxito e outro que cae no esquecemento.

O verdadeiro reto para Telefónica, de tódolos xeitos, empeza despois: ser capaz de integrar esas novas ideas na organización, que dean lugar, a través dunha metodoloxía de desenvolvemento áxil (a propia operadora fala do concepto lean elephant para referirse a este desafío), a unha app que cumpra aquilo para o que se concibiu: mellorar a vida das persoas.

Tema: Xeral
Fonte: Expansión
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal