Pekecha, firma coruñesa do ámbito da creatividade dixital, vén de informarnos dunha interesante iniciativa de innovación social dirixida a botar unha man ao amplo colectivo de persoas da nosa contorna que andan á procura de traballo ou formándose para incrementar as posibilidades de atopalo. Falamos de A Chocolateira, un proxecto de Pekecha promovido polo Concello de Ribadeo e La Caixa que bota a camiñar esta mesma semana na vila mariñá.
A iniciativa A Chocolateira (que toma nome da locomotora do tren que conectaba Ribadeo con Vilaodriz e que foi símbolo, a comezos do século XX, do desenvolvemento económico e social da bisbarra) é un programa de traballo en co-working, de “apoio mutuo”, dirixido a permitir que abrollen, de todos e cada un dos participantes, múltiples exemplos de talento individual e grupal. A innovación e a tecnoloxía serán, tamén, eixes fundamentais do proxecto.
Con A Chocolateira, cóntanos Verónica Ramallal (directora executiva de Peckecha), “queremos promover a adquisición de habilidades sociais e competencias básicas e dixitais das persoas, poñendo en valor o seu talento e iniciativa para mellorar a súa situación persoal e da contorna que as rodea”.
O programa, que terá unha duración de tres meses, abrangue unha metodoloxía de traballo de sesións individuais e colectivas guiadas por unha adestradora (unha coach). Haberá actividades de outdoor training, dinámicas de traballo en equipo e desenvolvemento de retos grupais, visual thinking, visual tatooing, adestramento relacional individual e formación teórica interactiva.
En termos máis concretos, con A Chocolateira preténdese que as/os participantes gañen en autoconfianza (mellorando as súas competencias transversais), en capacidade para identificar os seus perfís e obxectivos, en habilidades para achar novas oportunidades laborais (o mercado oculto), en recursos para facer un currículo axeitado ou para crearen a súa propia imaxe dixital (aprenderán a empregar as redes sociais e Internet para unha procura de traballo eficaz, cun “enfoque 2.0”) e en novas competencias (traballo en equipo, traballo por proxectos, creatividade, innovación social, etc).
Rexístrate como: