O Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC) opina, no marco do Día Mundial do Alzhéimer, que se celebra hoxe, que “as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) son un aliado fantástico tanto para persoas que sofren esta enfermidade, como para os seus coidadores”. Así o afirmou Rosa Tejerina, xerente de proxectos do centro, quen estima que “as TIC poden axudar a retardar a perda de identidade”.
Segundo un estudo de Sanitas Residencial (1), o 78% dos pacientes entrevistados indican que coñeceron o seu diagnóstico antes dos dous anos, polo que se pode recorrer a tecnoloxías que axuden ao retardo da enfermidade, así como a garantir a autonomía persoal do enfermo, apoiar aos coidadores e facilitar o fluxo de información.
Para garantir a independencia do afectado, CENTAC aconsella o uso de tecnoloxía. “Gravar aos seus familiares e aqueles momentos máis significativos da vida do enfermo, pode axudarlle a lembrar a súa identidade”. Do mesmo xeito, asegura que instrumentos como os localizadores GPS permitirán á persoa enferma e á responsable de coidala unha maior liberdade de movemento. “Recursos como os detectores de presenza, as etiquetas RFID, os móbiles con sistemas de xeolocalización ou os dispositivos de apertura de portas, contribuirán en gran medida a promover a autonomía de todos os involucrados”, engade Tejerina. Ademais, destaca que o enfermo e os seus familiares poderán decidir que tecnoloxía usar e como facelo a medida que a enfermidade avance.
Da mesma maneira, as TIC tamén ofrecen múltiples solucións ás persoas encargadas de coidar aos pacientes. Tendo en conta os episodios de desorientación que pode sufrir o enfermo, existen sistemas de xeolocalización; ademais, cando modifique o seu comportamento, outros sistemas axudarán á estimulación cognitiva, o que promoverá o retardo da deterioración. “Todas estas tecnoloxías están a disposición da persoa encargada do coidado do enfermo e o familiar, e daranlle máis tranquilidade”, observa a xerente de Proxectos de CENTAC.
Doutra banda, o coidador conta tamén con teléfonos de atención, redes sociais, programas nos seus dispositivos móbiles e unha radio específica para entender mellor a enfermidade e apoialo nos episodios de soidade e angustia. “WhatsApp, Skype, HangUp, DUO e outras redes serán mecanismos efectivos para pedir consello e prepararse para o seguinte escenario”, engade. “Co asesoramento recibido, o coidador poderá ofrecer unha atención máis profesional”, conclúe Tejerina.
(1) Fonte: Informe “Consulta por unha atención do Alzhéimer centrada na persoa”. Sanitas Residencial.
Rexístrate como: