Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo 1 mes 1 profesión dixital

A internet das cousas centrará un novo faladoiro dixital organizado pola Amtega e o CPEIG en Vigo

  • A xornada terá lugar o día 28 de setembro na sede de Gradiant
  • Dentro da campaña 1 mes, 1 profesión dixital, que está a celebrar a súa segunda edición durante o presente ano, divulgando os novos perfís profesionais na era dixital
Versión para impresiónSend by email
Vigo, 26/09/16 (18:57)

Un novo faladoiro dixital organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) terá lugar o vindeiro 28 de setembro dentro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital.

A xornada abordará a Internet das cousas (IoT nas súas siglas en inglés) coa participación de expertos na materia e desenvolverase na sede de Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia Gradiant, no Edificio CITEXVI, local 14, no Campus Universitario de Vigo.

Francisco Javier Rodríguez Martínez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e membro da xunta de goberno do CPEIG, será o encargado da benvida institucional. A continuación intervirá Juan Manuel Corchado, director do primeiro master sobre IoT e catedrático da Universidade de Salamanca. Despois dun breve descanso, falará José Antonio Losas, CTO de Conexiona.

O último relator en intervir no faladoiro dixital será o Xefe de Servizos de Feiraco, o enxeñeiro agrónomo Rafael García Gabeiras. Unha mesa redonda pechará a xornada coa participación dos relatores e do público.

As persoas interesadas en acudir ao faladoiro dixital sobre Internet das cousas poden inscribirse xa de balde no enderezo eventos@cpeig.gal e tamén través da web www.profesionsdixitais.org, onde atoparán máis información do programa e dos relatores.

1 mes, 1 profesión dixital

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital desenvolve a segunda edición durante o presente ano, abordando as oportunidades profesionais e boas prácticas. O obxectivo xeral é crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego. A iniciativa é froito do acordo de colaboración asinado entre o CPEIG e a Amtega.

Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal