A Fundación ONCE ven de lanzar o terceiro capítulo da miniserie animada "ON Fologüers". Nesta ocasión os seus protagonistas son Laura, unha moza cega que viaxou ao Parlamento Europeo para defender os dereitos das persoas con discapacidade, e Dani, o camareiro que escoitará as peripecias da súa amiga en Bruxelas.
O personaxe de Dani representa a unha persoa con discapacidade intelectual. Trátase dun mozo independente que traballa no bar "Ileven", lugar de encontro dos personaxes da serie. Capaz de desenvolverse na súa vida diaria con autonomía, vive cos seus pais por decisión propia, e é que, segundo di, "como en casa non se vive en ningún lado".
Marcos Santiago é o encargado de dar voz a Dani. El é un novo actor de dobraxe con Asperger que soña con dedicarse profesionalmente á interpretación.
A serie, que se distribúe a través de Internet e redes sociais, pretende promover a normalización das persoas con discapacidade e mostrar a discapacidade sen que se fale dela.
Os personaxes da serie, que consta de oito capítulos, son mozos con e sen discapacidade que desenvolven a súa vida en distintas contornas e protagonizan tramas a través das que coñecemos as barreiras sociais e arquitectónicas ás que deben facer fronte no seu día a día.
"Reflectimos en cada un dos capítulos o concepto do deseño para todos. Transmitimos cun sorriso valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", explica José Luís Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE.
Esta terceira entrega é un dos dous capítulos que foron financiados polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, dentro do programa da Secretaría de Estado para a Unión Europea "Falamos de Europa".
Ao longo da tempada coñeceremos ao resto da cuadrilla e en cada capítulo veremos como cada personaxe conseguirá os seus obxectivos, facendo unha denuncia construtiva e con humor de situacións concretas que se atopan as persoas con discapacidade.
A Fundación ONCE pretende contribuír, desde un prisma innovador e en clave de humor, a concienciar e sensibilizar á cidadanía de que o crecemento, unha do tres prioridades do novo ciclo europeo, pode e debe ser inclusivo e no que as persoas con discapacidade participan activamente.
A serie emitirase nas canles de redes sociais de Fundación ONCE:
Rexístrate como: