Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoas maiores

Balidea fai realidade unha plataforma TIC educativa para coidadores de persoas con demencia

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 15/09/16 (09:15)

A empresa galega Balidea, adicada ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), vén de anunciar o desenvolvemento da plataforma de cloud-learning do proxecto europeo UnderstAID, financiado a través do programa Active and Assisted Living (AAL). Trátase dunha proposta de aprendizaxe adaptativo para emprestar asistencia a persoas coidadoras informais de doentes con demencia, pois a tarefa do coidado de doentes ten un gran impacto na vida da persoa coidadora, implicando trastornos físicos e psicolóxicos (fatiga, desordes do sono, ansiedade, depresión...), sobrecarga ou mesmo illamento social, o que repercute á súa vez na atención achegada ao seu familiar enfermo.

Esta plataforma TIC educativa e de apoio en liña quer facer máis doada a súa vida de xeito personalizado, centrándose nas súas necesidades actuais e situacións futuras. Indo á plataforma en si, cómpre dicir que consta de tres conceptos básicos: tecnoloxía, contidos personalizados e mobilidade para a aprendizaxe en liña dende calquera lugar e dispositivo (smartphones, tabletas, PC''s).

Para o desenvolvemento dos seus elementos diferenciais creouse un consorcio de entidades, cun equipo multidisciplinar de expertos. Médicos e especialistas en demencia encargáronse de definir e construír os contidos; pedagogos, sociólogos e expertos en e-learning participaron no seu enfoque e a definición dos modelos de aprendizaxe; e Balidea realizou a construción da plataforma tecnolóxica.

A dita aplicación achega información personalizada, unha canle de comunicación con profesionais expertos, unha canle de comunicación con outras persoas en situacións semellantes e diferentes funcionalidades de apoio (xestión de eventos, alarmas, recordatorios, posibilidade de compartir material, etc.). Durante o proceso de desenvolvemento desta iniciativa, que durou 3 anos (2013-2015), realizáronse probas e validacións mediante unha experiencia piloto con corenta familias de España, Dinamarca e Polonia. Finalizada a ferramenta, entra agora en fase de comercialización.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal