Un grupo de 20 mozos e mozas da comarca do Baixo Miño participan no programa “Emprender a través das novas tecnoloxías”, financiado pola liña Iniciativa Xove da Consellería de Política Social a través da Asociación Érguete Baixo Miño. Os e as participantes están en situación de desemprego ou ben veñen de iniciar unha etapa emprendedora e precisan de formación e asesoramente en marketing dixital, redes sociais, webs corporativas ou comercio electrónico.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou onte nunha das actividades deste programa e destacou que “Iniciativa Xove é un programa onde a Administración non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, senón que lles pide propostas para despois apoialas, tratando de que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”.
A titular autonómica tamén explicou que “este programa Xove está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, estimúlase o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.
Ademais, Cecilia Vázquez tamén fixo referencia ao Estudo da Universidade de Santiago sobre “Os programas de Educación non formal e empregabilidade da Xuventude en Galicia”, que foi presentado este mesmo ano e que analizou cientificamente varios programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre eles Iniciativa Xove. Neste estudo, se indica que a satisfacción xeral coa formación adquirida no caso dos participantes en Iniciativa Xove foi do 82% e ante a pregunta de se recomendarían o programa, un 88% responden afirmativamente. En canto á utilidade dos coñecementos adquiridos para o emprego, responden positivamente un 76% dos participantes no programa.
Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician do programa Iniciativa Xove. Das iniciativas financiadas, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. En liña coas recomendacións da Unión Europea, Galicia foi a primeira comunidade autónoma que financiou iniciativas de grupos informais, co fin de que a excesiva burocracia non sexa un impedimento para que leven a cabo as súas ideas.
A directora Xeral de Xuventude lembrou que Iniciativa Xove financia o cento por cen das iniciativas de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida.
Unha vez finalizadas as accións, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.
Rexístrate como: