Onte deu comezo o Curso de Mercadotecnia Dixital nas instalacións da Fundación CEL de Lugo, unha actividade formativa co-financiada pola Rede Eusumo da Xunta e que vai fornecer contidos e recursos sobre os mellores xeitos de tirarlles partido ás novas ferramentas (comercialmente e comunicativamente) a unha vintena de alumnos (emprendedores e empresarios do ámbito da economía social). Segundo informa a Fundación, acadouse coa devandita cifra o “cheo total” no que a prazas dispoñibles se refire. A actividade que arrincou onte (a primeira de dous cursos previstos de mercadotecnia TIC) está dirixida a membros de cooperativas e sociedades laborais de recente creación, así como a emprendedores do ámbito social.
Trátase dun curso de iniciación e outro de nivel avanzado que esgotaron as súas prazas ao pouco tempo de lanzar o proceso de inscrición. A través deles búscase “facilitar a comprensión da importancia que supón acometer procesos de transformación dixital nunha organización e a adquisición de competencias tecnolóxicas básicas”. Igualmente, fomentarase “a aprendizaxe para o desenvolvemento dun plan de comunicación dixital propio, e indicarase como tirar proveito das principais ferramentas para a súa aplicación, como blogs e redes sociais”. Esta formación está a ser impartida por un experto profesional do sector: Raúl Ordóñez, consultor e formador TIC, especializado en mercadotecnia en liña e medios sociais). A achega de contidos levarase a cabo de maneira presencial e baixo un formato eminentemente práctico.
Segundo informa a Fundación CEL a propósito dos porqués destas accións formativas, “o coñecemento e implementación de estratexias de mercadotecnia dixital é hoxe fundamental nas empresas”. Cousas como a mercadotecnia dixital, en xeral, e a mercadotecnia de contidos, en particular, “convertéronse en ferramentas fundamentais que permiten que as pequenas e medianas empresas tamén poidan chegar aos seus clientes de forma rápida e de balde, ofrecéndolles información interesante para a súa toma de decisións”, engade a entidade de Lugo.
Rexístrate como: