A provincia de Ourense terá o seu propio centro tecnolóxico para a innovación. Así o acordaron mediante a firma do acordo 'Provincia Intelixente' entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, o director xeral de Vodafone España, Diego Torrico, e a directora de Tecnoloxía e Innovación de IBM España, Elisa Martín.
O convenio 'Provincia Intelixente' ten como finalidade establecer novas vías de traballo entre a Deputación de Ourense, Vodafone e IBM mediante un uso innovador das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) para consolidar en Ourense un novo modelo produtivo que mellore a actividade económica e a creación de emprego na provincia de Ourense.
O acordo contempla a realización dun estudo de valoración para a futura creación dun Centro Tecnolóxico en Ourense. Este centro tería como fin o desenvolvemento do Sistema de Xestión e Operacións Municipal da Provincia de Ourense, ademais de ser un núcleo integrador de actividades que desenvolvan tecnoloxías de última xeración: solucións baseadas na internet das Cousas e aplicacións móbiles para os cidadáns, que revertan na transformación dixital de Ourense e do resto de Galicia.
O acordo de colaboración tamén está aberto á participación de terceiras institucións e empresas de Ourense, así como a entidades nacionais e internacionais que desexen contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico da provincia de Ourense.
Realizaranse diferentes sesións de divulgación e formación para analizar os principais factores que poden impulsar a transformación dixital de Ourense, para o que, os concellos da provincia recibiran un asesoramento e consultoría específico para levar a cabo acciones de innovación dixital nas súas respectivas áreas de actuación.
Rexístrate como: