Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Emprendedor con discapacidade

A Fundación ONCE lanza a convocatoria de axudas a proxectos de emprendemento para persoas con discapacidade 2016

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 05/08/16 (07:59)

A Fundación ONCE lanzou a convocatoria de axudas 2106 a proxectos de emprendemento ou creación de empresas da economía social por parte de persoas con discapacidade. O seu obxectivo é fomentar o emprego, a mellora da empregabilidade e a inserción sociolaboral.

Esta axuda, que se ofrece a fondo perdido en calidade de Organismo Intermedio do Programa Operativo FSE de Inclusión Social e Economía Social 2014-2020 (POISES), poderá alcanzar até o 50 por cento dos gastos ligados á posta en marcha da actividade, sen superar os 18.000 euros como máximo.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto até o próximo 30 de setembro e poderán acceder ás axudas quen iniciasen a actividade económica con anterioridade á presentación da solicitude, aínda que a data de inicio deberá ser posterior ao 31 de decembro de 2014.

Os interesados deberán de presentar un plan de empresa do proxecto, así como a documentación que acredite a capacidade do solicitante para proceder á achega de fondos que contribúan á súa posta en marcha.

Ademais, co fin de axudar e ofrecer o maior nivel de información, Fundación ONCE conta cun espazo específico na súa páxina web con toda a documentación.

Na pasada edición de 2015 Fundación ONCE apoiou un total de 101 proxectos, que supuxeron unha achega económica global de 801.650 euros. Desde a posta en marcha desta iniciativa en 1988, ofrecéronse axudas a 1.500 emprendedores.

De acordo cun estudo realizado sobre os emprendementos apoiados entre 2008 e 2014, o perfil do emprendedor é o dun home de entre 30 e 50 anos, con discapacidade física, con estudos e da contorna urbana. Ademais, a taxa de supervivencia das iniciativas postas en marcha é dun 71 por cento. Entre os factores que inflúen no seu éxito figura o nicho de mercado, a zona na que se implementan, a constancia e o trato que se ofrece.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal