A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha o Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital” para facilitar a transformación dixital das pemes galegas. O programa abrangue diferentes xornadas formativas e prácticas e un programa específico para directivos e xerentes de empresas galegas, que se desenvolverá en colaboración coa Escola de Negocios de AFundación.
O obxectivo do programa formativo é contribuír a crear un perfil directivo que manexe o dixital desde un punto de vista estratéxico, isto é, que coñeza o contorno dixital, adquira as habilidades necesarias para entender que valor pode achegar a tecnoloxía ao seu negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.
O programa comeza o vindeiro 9 de xuño e estenderase ao longo de seis xornadas formativas impartidas por diversos expertos. Trataranse temas como a estratexia de negocio para a nova contorna dixital, o marketing dixital para pemes, o comercio electrónico, o Big Data & Business Intelligence para o control da xestión empresarial, as ferramentas de medición e análise para a estratexia dixital e a transformación e xestión do cambio na organización.
As prazas para participar neste programa formativo son limitadas, polo xa está aberto un proceso de preinscrición que permanecerá aberto ata o luns 6 de xuño. A preinscrición pode realizarse a través da Web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleratic), no correo electrónico cdtic@xunta.gal ou no teléfono 881 995 200.
De entre as solicitudes recibidas a Amtega seleccionará a 25 directivos para cada unha das xornadas formativas. Aqueles directivos que completen todas as xornadas formativas, recibirán o título “Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa” outorgado pola Escola de Negocios Afundación.
As persoas interesadas en coñecer máis en detalle o Programa Formativo AceleraTIC para a Transformación Dixital da Peme están convidados a Xornada de Presentación do vindeiro xoves 2 de xuño.
Rexístrate como: