Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe dun obradoiro organizado por MeLiSA

MeLiSA suma a súa experiencia á iniciativa autonómica para fomentar a solidariedade TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/03/12 (10:10)

MeLiSA, a Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide, foi unha das entidades participantes na primeira xornada de traballo formativo do programa galego de Voluntariado Dixital. A súa presenza significa entre outras cousas que porá en xogo a súa experiencia e a súa arela solidaria para contribuír a que o programa acade o maior número de obxectivos de loita contra a fenda dixital. O colectivo de Melide, un grupo de veciños da localidade seareiros da tecnoloxía e máis polo miúdo da tecnoloxía libre, estivo representado en Santiago por Rafael Rodríguez Gayoso, presidente da entidade. Segundo nos fixo saber, a súa concorrencia neste programa vén dada pola posibilidade de ampliar o ámbito de actuación, así como por contar con apoios para a realización das actividades de voluntariado.
Por exemplo: a utilización dos recursos dos que dispón a Rede CeMIT, ou a posible colaboración con empresas privadas que tamén participan no proxecto de Voluntariado Dixital.
Segundo informan dende MeLiSA, a súa achega vaise materializar nun coñecemento de portas abertas: “Despois dun proceso formativo, os voluntarios dixitais serán quen de dar resposta a aquelas necesidades que presenten as entidades de acción voluntaria; por suposto, a nosa asociación, e de forma persoal algún dos membros da mesma estaremos dispoñibles para poder aportar o noso coñecemento en todo o relacionado coas tecnoloxías libres e abertas”.
Asemade, manifestan, tódolos aplicativos que se inclúen ao abeiro do Programa de Voluntariado Dixital son libres, e iso reforza “o noso papel como fornecedores de coñecemento e experiencia”. Ao seu xuízo, a iniciativa proposta por Modernización e Xuventude, ten potencial como para dar bos froitos: “Aínda que o reto é ambicioso, agardamos que o noso apoio axude a lograr os mellores resultados posibles; a exclusión dixital é un problema da sociedade actual, e consideramos que calquera iniciativa encamiñada a vencela debe contar co apoio e confianza de organizacións como a nosa asociación”, conclúen.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal