A suite 112 do hotel Astoria 7, en San Sebastián, leva o nome do actor John Travolta e transformouse nunha das estancias mellor equipadas do mundo para persoas en cadeira de rodas ou cunha discapacidade física severa. Está equipada cun avanzado sistema domótico que permite ao hóspede pasar da cama ao baño mediante un guindastre suxeito ao teito, abrir e pechar portas e persianas, acender o televisor, as luces ou chamar por teléfono. Basta con dar a orde correspondente a través dun mando ou unha tableta.
Martyn Sibley é un prestixioso blogueiro estadounidense especializado en turismo accesible e director da revista Disability Horizons. Percorreu en cadeira de rodas os mellores hoteis de Estados Unidos, Europa e Australia, pero ningunha tan ben adaptada como a suite donostiarra: "Nunca vira antes unha habitación así na miña vida", escribiu no seu caderno dixital. "O deseño, o espazo, o guindastre, os diferentes tipos de arneses, a domótica da habitación que controla os elementos cruciais para a autonomía, mesmo para persoas que non manexen as mans, o resto de facilidades... Todo proporciona unha autonomía total. Viaxo ao longo e ancho do mundo e é sen dúbida a mellor habitación na que estiven nunca".
A 112 (coincide co número de Emerxencias) é unha das máis luxosas do Astoria 7, un hotel con 102 habitacións temáticas dedicadas a actores e directores do cinema mundial, como Alfred Hitchcock, Quentin Tarantino, Steven Spielberg ou Lauren Bacall. O que a fai tan especial é o guindastre que despraza por un raíl de seis metros que comunica a cama dobre e o baño, así como tódolos dispositivos tecnolóxicos instalados para facilitar os movementos do usuario impedido.
Deseño e confort compleméntanse con habitabilidade e funcionalidade para o usuario. Os mecanismos están pensados para dotar á persoa de plena autonomía; non necesita ningún acompañante. O guindastre desprendido desde o teito está provista dunha estrutura con arneses que permiten suxeitar brazos e pernas, con capacidade para soportar até 200 quilos de peso.
O hotel Astoria 7 investiu 20.000 euros en adaptar a habitación para un cliente en cadeira de rodas. O sistema domótico foi deseñado pola empresa Adom-Autonomía, que conta con numerosos recoñecementos internacionais polos seus proxectos de accesibilidade. "Cando o Astoria nos propuxo facer a habitación, preguntáronnos se podiamos facer a mellor habitación do mundo para usuarios de cadeira. Dixemos que aceptabamos o reto", explica Jabi Odriozola, director da citada compañía.
O manexo de tódolos elementos da habitación Travolta está ideada para que sexa compatible con persoas con diferentes graos de discapacidade. Tódalas operacións pódense realizar con mandos a distancia, mediante pulsadores ou desde unha tableta táctil. E as persoas que non poden manexar as mans? Uns pulsadores que funcionan con leves movementos da cabeza permiten xestionar tódolos elementos da habitación.
É un gancho para captar "turismo accesible" e facelo "entrando pola porta grande", aseguran os responsables do establecemento.
Rexístrate como: