A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta fin de semana a primeira edición do Gaiás Gaming, un novo evento que arranca en Santiago de Compostela e que ten como obxectivo achegar a tecnoloxía ás novas xeracións, así como unha oferta de lecer alternativa.
O encontro botou a andar nun acto de presentación ao que asistiu a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e o representante da organización Gaiás Gaming, José Luis Montiel. No acto de presentación José Luís Montiel anunciou que parte da recadación entregarase a fins solidarios (concretamente á compra de videoxogos para a planta de Oncoloxía Pediátrica e Hematoloxía do CHUS).
O evento conta cun amplo programa de actividades que inclúen conferencias, obradoiros, exposicións dos primeiros videoxogos que se comercializaron en España e unha variada oferta de actividades de lecer, tanto no interior como no exterior. No Museo Centro Gaiás celebrouse unha LAN party, na que duascentas persoas conviviron compartindo experiencias e información sobre novas tecnoloxías. Este encontro contou cun escenario eSports, cun simulador profesional de condución, no que se levaron a cabo exhibicións.
Nos relatorios que se desenvolveron estes días abordáronse aspectos como o control parental, os delitos informáticos, as aplicacións móbiles ou a relación entre deporte e redes sociais, que impartiron expertos nas TIC como Juan Gestal, Luis Bargo ou Álvaro Gómez Vieites, pero tamén de figuras do deporte, como o atleta Pedro Nimo.
O Gaiás Gaming conta coa colaboración da AMTEGA e do CPEIG, a través do seu programa Rapaciñ@s, destinado a favorecer o uso seguro das novas tecnoloxías entre os menores.
Rexístrate como: