Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Voluntariado Dixital

A Xunta comeza a formación dos 137 voluntarios e do persoal das 36 entidades inscritas no programa de Voluntariado Dixital

Punto contenido

Impartiranse un total de seis módulos cun total de 140 horas de formación tanto online como presencial, a través da Rede de Aulas para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica

Punto contenido

Os voluntarios iniciarán a súa actividade a partir do 16 de abril en colaboración coas entidades de acción voluntaria adscritas á iniciativa

Punto contenido

As actividades do Programa permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade

Punto contenido

Un total de 13 empresas TIC xa se comprometeron para exercer como mecenas dixitais apoiando o programa con achegas para a formación, eventos, cedendo espazos e ofertando material informático reciclado

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 21/03/12 (11:48)

Esta mañá comezou en Santiago no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo o curso “Voluntariado e TIC” co que se inicia o proceso de formación das 137 persoas voluntarias dixitais e do persoal técnico das 36 entidades de acción voluntaria adheridas ao Programa de Voluntariado Dixital, que a Xunta de Galicia puxo en marcha a principios de febreiro.

O obxectivo deste itinerario formativo, incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado é ofrecer aos voluntarios e entidades colaboradoras as ferramentas necesarias para orientalos nas súas tarefas de acción solidaria.

Impartiranse un total de seis módulos cun total de 140 horas de formación tanto online como presencial, a través da Rede de Aulas para a Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT). Unha vez rematada a formación básica, na segunda semana de abril, as persoas voluntarias poderán comezar a súa actividade aínda que recibirán formación continúa ata xuño. A unidade de coordinación VolDixital será a encargada de canalizar a oferta de voluntarios e a demanda que realicen as entidades voluntarias.

Colectivos obxectivo: maiores e persoas con discapacidade

O obxectivo do Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Traballo e Benestar, é contribuír a través da colaboración e compromiso de persoas voluntarias á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, centrándose nesta primeira fase nos colectivos de maiores e persoas con discapacidade.

As actividades do Programa permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para reducir a fenda dixital.

Impulso de accións de Responsabilidade Social Empresarial

Ademais da solidariedade individual, a iniciativa suma a tamén responsabilidade social das empresas TIC e organismos públicos e privados. Neste sentido, cómpre destacar que, ademais das persoas voluntarias e entidades de voluntariado adheridas, xa se comprometeron a participar no programa, un total de 12 organismos colaboradores, que son institucións públicas e privadas cuxo papel é o de apoio e soporte ao programa de maneira continua e duradeira.

Actualmente participan as seguintes: do ámbito universitario e formativo das persoas maiores, a Universidade Sénior (UDC), a Asociación Cultural Galega de Formación permanente de adultos ATEGAL; do ámbito asociativo das persoas maiores: a Federación Territorial de Asociacións de Pensionistas e Xubilados UDP; do ámbito Asociativo Persoas con Discapacidade: as oito entidades integradas na entidade CERMI Galicia - COGAMI, FADEMGA-FEAPS Galicia, FAXPG, ONCE, FEAFES Galicia, DOWN Galicia, AUTISMO Galicia e FEGADACE; e dos Colexios Profesionais, o Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia.

Ademais, un total de 13 empresas tecnolóxicas xa manifestaron os seu compromiso para exercer como mecenas dixitais, apoiando o programa con achegas para a formación, cesión de espazos, financiamento de eventos, apoio á comunicación e ofertando material informático reciclado. A día de hoxe, estas empresas son: 3.14 Financial Contents, Bahía Software, Balidea, Ednon, Everis, Igalia, INFOJC, Level Telecom, Plexus, Quobis, Tecnocom, Training Channel e Visual Publinet S.L.

Plan Galego de Acción Voluntaria

Coa implantación deste programa estase a desenvolver tamén o Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, así como se cumpre o expresado na Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade o 23 de novembro polo Pleno do Parlamento de Galicia, que inclúe o fomento da utilización das novas tecnoloxías como un dos ámbitos de actuación do voluntariado.

Esta norma supuxo a creación do novo Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, que permitirá que todas a persoas voluntarias que participen neste programa de voluntariado dixital obteñan unha certificación acreditativa da acción voluntaria desenvolvida. Na mesma especificaranse os obxectivos da acción, a prestación efectuada, duración e datas, que poderá a persoa voluntaria incorporar ao seu currículo.

Máis de 560 aulas públicas

O Programa de Voluntariado Dixital conta coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico dos que dispón a Administración autonómica como as 98 centros da Rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto os mecenas como as entidades colaboradoras.

Obxectivos 2012

Os obxectivos para finais de ano son acadar a colaboración de 200 voluntarios, 100 entidades colaboradoras, entre entidades de acción voluntaria, empresas e outras entidades, e chegar a catro colectivos en risco de exclusión dixital.

Convocatorias semestrais a través da web

O desenvolvemento do programa divídense en dúas convocatorias, a primeira que se pechou o pasado 29 de febreiro, e unha segunda convocatoria que se lanzará en setembro. Nesa data repetirase o proceso e tanto as entidades de acción voluntaria como os posibles voluntarios poderán incorporarse ao programa a través da web http://voluntariadodixital.xunta.es. A adhesión das entidades públicas e privadas e as empresas realizarase a través da sinatura dun convenio.

 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal