Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Inauguración do curso 'A sociedade da información II'

Os cursos de verán comezan achegándose ao uso inclusivo da tecnoloxía nas aulas

  • Ciencias da Educación acolle 'A sociedade da información II: formación e avaliación de competencias'
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 12/05/16 (11:39)

A programación de curso de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, arrancou este mércores no campus de Ourense. A Facultade de Ciencias da Educación acolle os días 11, 12 e 13 de maio o curso A sociedade da información II: formación e avaliación de competencias, dirixido por Manuela Raposo e María Beatriz Páramo. Durante as súas sesións afondarase nas competencias clave na sociedade da información e en experiencias e recursos neste eido, como os "mooc", cursos en liña masivos abertos. Entre os temas abordados nas primeiras conferencias estivo a inclusión educativa nun contexto de uso xeneralizado da tecnoloxía.

“O obxectivo desta iniciativa é facer unha aproximación ás ferramentas que permiten o perfeccionamento e avaliación das competencias dixitais. Para facelo, contaremos con docentes procedentes de universidades de diferentes países, como Portugal e Ecuador, ademais de España”, apuntou Manuela Raposo. A cita, engadiu na súa inauguración Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, ten ademais o aliciente de “trasladar os resultados de investigacións" levadas a cabo en diferentes áreas relacionadas coa temática escollida.

Cada estudante ten necesidades diferentes
Na primeira sesión do curso, que conta coa colaboración do Concello de Ourense, abordouse, entre outros temas, a relación entre tecnoloxía e educación inclusiva, contando coa intervención da catedrática da Universidade de Vigo Ángeles Parrilla. “O desenvolvemento tecnolóxico debe ser unha oportunidade para salvar as desigualdade que os medios tradicionais creaban e mantiñan”, destacou Parrilla. A tecnoloxía, recalcou, debe tamén seguir a máxima de fomentar “a igualdade en diversidade” e ser "accesible e inclusiva", non só asistiva. “Hai que facer tecnoloxía para as persoas, non para as persoas con determinada necesidade especial”, afirmou. Alén de atender necesidades específicas, a catedrática fixo fincapé en non trasladar ao uso educativo das tecnoloxías o modelo de “exclusión tradicional asistiva” consistente en facer cousas diferentes para as persoas “normais” e para as “diferentes”. “Coa tecnoloxía pódese igualmente marxinar”, advertiu a docente da Universidade de Vigo. Para evitar caer neste comportamento, fixo fincapé na importancia de “someter a proba os recursos que empregamos” na educación.

Tamén sobre o tema da inclusividade falou este mércores Mª Esther Martínez, docente da Universidade de Vigo actualmente de estadía Erasmus na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. “Todos os alumnos teñen algún tipo de necesidade. A tecnoloxía nas aulas o que nos pode é axudar a minimizar as diferenzas”, apuntou a profesora. Para conseguilo, sinalou a necesidade de analizar os dispositivos que se empregan, para escoller os inclusivos, e animou aos docentes a deseñar os seus propios recursos, xa que ninguén mellor ca eles para coñecer as necesidades dos estudantes e como empregar as tecnoloxías para favorecer a súa participación no proceso educativo.

Entre os relatores do curso tamén está José Tejada, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, que falará sobre a "formación de formadores" no eido TIC. “A tecnoloxía, que o invade todo, xera e conleva unha transversalidade que fai que todas as competencias docentes estean hoxe en día contaminadas, mediadas, pola tecnoloxía”, sinalou o catedrático. En todas as competencias, como son a planificación, o desenvolvemento docente, a avaliación, a tutorización, a investigación e innovación e a coordinación, a tecnoloxía, recalcou Tejada, está presente. “Antes avaliábase ao docente pola súa oratoria, polo seu discurso. Agora mantense o discurso pero amplíase e modifícase o escenario coas novas tecnoloxías", dixo Tejada, que apuntou como "non estamos a falar só dunha cuestión de alfabetización dixital, vai máis alá”.

O primeiro de sete cursos de extensión
Segundo explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, na inauguración das sesións, este curso “é o primeiro dos sete cursos de extensión universitaria que se ofertan este ano desde o campus de Ourense”. Con eles, comentou, preténdese levar as aulas alén dos seus ámbitos habituais, tanto xeográficos como temporais, e abrir a formación á cidadanía. Deste xeito, a programación non só se desenvolverá no campus de Ourense senón que chegará a concellos como os de Muíños, Celanova, Allariz e A Estrada. Este ano hai en total 415 as prazas dispoñibles tanto para os membros da comunidade universitaria como para a cidadanía en xeral que queiran aproveitar os vindeiros meses para formarse en diferentes eidos, como a ciencia da cociña, a muller no audiovisual galego ou a auga como recurso para o desenvolvemento. Os cursos, cunha duración de entre 30 e 40 horas, celebraranse ao longo dos meses de maio, xuño, xullo e setembro. O prezo varía en función de cada curso e do tipo de público, oscilando as cotas desde 6.5 euros ata 80. A inscrición pode facerse en liña ata esgotamento das prazas dispoñibles.

Tema: Xeral
Fonte: DUVI Diario da Universidade de Vigo
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal