No proxecto "Teño unha horta en San Sadurniño" tres mulleres de San Sadurniño comparten o coñecemento e a experiencia do traballo no campo. Con móbiles e cámaras fotográficas gravan as labores dunha pequena horta, ensinando trucos e tarefas tradicionais. Ao mesmo tempo, contar coa colaboración e asistencia na gravación de persoas novas, supón un intercambio interxeracional entre os coñecementos en novas tecnoloxías e os traballos tradicionais do campo.
Na primeira temporada realizáronse 11 capítulos nos que participan: na "horta de Consuelo", Consuelo Picos, a filla Ana e a neta Birtukan. Na "horta de Cruz", Cruz Piñón e o fillo Roberto Bouza. Na "horta de Lucita", Lucía Pita e a súa amiga e veciña Antía. Actualmente estamos a preparar a segunda temporada con máis protagonistas.
"Teño unha horta en San Sadurniño" posto en marcha pola Aula Cemit de San Sadurniño, xurde como un dos proxectos piloto na primeira edición do programa CeMIT-Innova de AMTEGA no 2015, que busca o fomento da Innovación Social Dixital en Galicia desde a Rede Cemit.
O proxecto foi seleccionado en abril de 2016 para participar no prestixioso festival internacional de contidos dixitais Carballo Interplay na categoría de "Galiza V.O.". O festival, celebrado do 5 ao 7 de maio, busca explorar as posibilidades de internet como medio para a narración, o humor, a non ficción, cultura dixital, o patrimonio audiovisual ou a performance interactiva, sempre co vídeo como base.
Rexístrate como: