Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Robótica social

A robótica social axudará a persoas maiores e con discapacidade a ter maior autonomía

  • Juan Carlos Ramiro, director de accesibilidade de CENTAC, cre que a robótica está entrando nunha nova era.
  • Robots asistentes de persoas con mobilidade reducida ou dosificadores de medicamentos adáptanse ás necesidades dunha sociedade envellecida.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 06/05/16 (10:37)

O campo da robótica está a entrar nunha nova era na que cada vez se están deseñando máis máquinas destinadas a axudar ás persoas con necesidades especiais e a incrementar a súa autonomía. Así o asegura Juan Carlos Ramiro, director de Accesibilidade do Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC).

"Estamos a pasar da robótica industrial, que busca incrementar a eficiencia nos procesos de fabricación e a produtividade, á robótica social, dirixida a incrementar o benestar das persoas", engade este experto.

No entanto, Ramiro advirte de que un robot social, para ser considerado como tal, debe ter en conta criterios de usabilidade e accesibilidade que garantan a interacción home-máquina por parte de calquera usuario. "O ser humano debe ser capaz de controlar e facer servir ao robot con independencia das súas capacidades funcionais", asegura o responsable de CENTAC.

Sinala que empresas tecnolóxicas tan importantes como Sony, Honda ou NEC lideran a innovación no campo da robótica persoal nun mercado que xera máis de 20.000 millóns de euros anuais na actualidade. "En Estados Unidos, os Institutos Nacionais de Saúde están a financiar o desenvolvemento de robots pensados para cubrir as necesidades das persoas con discapacidade", engade Ramiro.

Compañías como Panasonic ou Toyota desenvolveron robots para centros sanitarios e o coidado do fogar: asistentes de persoas con mobilidade reducida, entrega e dosificación de medicamentos. "Teñen claro que a sociedade envellece, xerando novas necesidades que deben cubrirse con solucións innovadoras; todo iso abre novas oportunidades, tamén, de negocio" aclara o experto en accesibilidade.

Froito deste interese crecente pola robótica persoal ou social, Ramiro informa sobre a creación, fai dez anos, dun grupo de expertos de catorce países dentro da Organización Internacional para a Estandarización (ISO) que desenvolveron a norma ISO-13482 que describe os parámetros de cumprimento obrigatorio no deseño, fabricación e comercialización de robots destinados ao coidado persoal. Esta norma presta especial atención aos parámetros de seguridade dos robots de uso persoal, "xa que moitas das actividades que realizan van dirixidas a servir de axuda continua a persoas con discapacidade", explica Juan Carlos Ramiro.

"Outro campo no que se está traballando", destaca o director de accesibilidade de CENTAC, "é nos coñecidos como exoesqueletos, unha subclasificación da robótica aplicada á rehabilitación e autonomía". Hal-5 da empresa xaponesa Cyberdyne, ou o proxecto Hyper do Hospital de Parapléxicos de Toledo son exemplos de exoesqueletos que tratan de axudar a camiñar e levantar peso a persoas maiores ou con problemas de mobilidade.

Tema: Xeral
Fonte: Centac
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal