Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Neno cunha cadeira de rodas creada por Motivation

30 proxectos tecnolóxicos de accesibilidade reciben 20 millóns de dólares de Google

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/05/16 (09:22)

A pasada primavera Google puxo en marcha a iniciativa Google Impact Challenge: Disabilities, abrindo as solicitudes ás organizacións sen ánimo de lucro de todo o mundo dedicadas á creación de tecnoloxías transformadoras para o case mil millóns de persoas que viven con algunha discapacidade en todo o planeta.

Con esta iniciativa a compañía comprometíase a doar 20 millóns de dólares en axudas. Tras recibir máis de mil solicitudes de todo o mundo (88 países), Google acaba de publicar a lista completa das 30 organizacións que van recibilas.

"Tódalas organizacións que reciben as nosas axudas teñen grandes ideas escalables sobre como a tecnoloxía pode axudar a crear solucións", explican desde Google. Así mesmo, estas organizacións tamén se comprometen a que a súa tecnoloxía sexa de código aberto de maneira que isto axude a mellorar a rapidez de innovación neste sector.

Algunhas das organizacións que recibirán as axudas de Google.org por mellorar a mobilidade, a comunicación e a independencia das persoas con discapacidades son:

  • Motivation UK: a organización británica Motivation utiliza impresoras 3D para realizar deseños de proba de cadeiras de rodas personalizables, compartindo aqueles deseños que funcionan con outros provedores de servizos. Nos países en vías de desenvolvemento, as persoas con baixos ingresos que necesitan unha cadeira de rodas non teñen a miúdo acceso a ela, o que pode afectar gravemente a súa saúde e reducir as posibilidades dun estilo de vida independente. Motivation recibirá unha axuda de máis de 800.000 dólares de Google.org.
  • ProPortion: A Fundación ProPortion, con sede en Holanda, obtivo unha axuda dun millón de dólares de Google.org para ampliar o desenvolvemento e a distribución do Majicast, un dispositivo automático e fácil de utilizar que produce uns encaixes protésicos de alta calidade para aqueles que os necesitan e que viven en países en vías de desenvolvemento, onde o acceso ás próteses pode supor un enorme reto.
  • Wheelmap: Cunha axuda de máis de 900.000 dólares, a organización alemá Wheelmap, un proxecto de Sozialhelden, poderá seguir elaborando bases de datos e mapas sobre a accesibilidade dos lugares públicos en todo o mundo, póndoos a disposición dos usuarios a través de apps e sitios web para axudar ás persoas discapacitadas a deseñar rutas, facer plans e gozar explorando o mundo.
  • Beit Issie Shapiro e TOM: Os retos relacionados coa accesibilidade que afectan as persoas de todos os lugares do mundo fan case imposible o desenvolvemento de solucións rendibles e personalizadas para todos os individuos, o que fai que moitos deses problemas queden desatendidos. Coa axuda de 700.000 dólares, a organización de Israel Beit Issie Shapiro puido asociarse con TOM para apoiar a un crecente grupo de creadores que axudan á súa comunidade neste sentido. O seu Makeathon-in-a-box é unha plantilla para os Makeathons comunitarios que reúne a creadores e a persoas discapacitadas para desenvolver prototipos que fagan fronte aos retos de accesibilidade que aínda están desatendidos.
  • Safod: Na rexión do África Subsahariana, estímase que o 85-95% das persoas discapacitadas que necesitan tecnoloxía de asistencia non teñen acceso a ela, en gran medida debido ao descoñecemento da súa existencia. Grazas á axuda de máis de 700.000 dólares de Google.org, a organización Southern Africa Federation of the Disabled (Safod) pode colaborar coa Universidade de Washington e AfriNEAD para por en marcha a iniciativa AT-Info-Map, un mapa para mostrar a localización e a dispoñibilidade de tecnoloxía de asistencia no África Subsahariana, para ofrecer información esencial e incrementar o acceso a tecnoloxía que pode cambiar vidas.
Tema: Xeral
Fonte: Compromiso Empresarial
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal