Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Lectura facial INTERAAC

Proxecto para controlar ordenadores mediante a mirada e o recoñecemento facial

  • O CSIC, Irisbond e Vicomtech-IK4 participan nesta investigación que se enmarca no Programa Retos
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/05/16 (09:34)

Un proxecto de investigación no que participa o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para facilitar a comunicación a través do computador de persoas con enfermidades como esclerose múltiple, parálise cerebral ou tetraplexia recibe un investimento de case 700.000 euros até 2018. O proxecto, do que tamén forman parte Irisbond e Vicomtech-IK4, enmárcase no Programa Retos do Ministerio de Economía e Competitividade.

O Sistema de Interacción e Comunicación Alternativa Multi-Dispositivo por Seguimento Ocular e Facial de Baixo Custo (INTERAAC), que é como se chama o proxecto de investigación, axuda a persoas con mobilidade reducida e dificultade na fala a comunicarse co exterior. Consiste nun novo sistema de vídeo-oculografía binocular que utiliza as cámaras e lentes das que dispoñen os computadores e dispositivos móbiles. A tecnoloxía baséase na localización de diversos puntos da cara (seguimento facial 3D), deste xeito faise unha correcta lectura aínda que o enfermo mova a cabeza de maneira constante -frecuente en parálise cerebral ou trastornos neurodexenerativos-, teña estrabismo ou mire de perfil á cámara.

Irisbond presentou no 2013 un dispositivo conectado ao computador que emite unha luz infravermella na córnea do usuario. A través dunha videocámara, cáptanse os reflexos producidos na pupila do usuario e un software procesa esa información e transfórmaa en coordenadas de posición para o rato. O usuario manexa o rato co movemento dos ollos en lugar de utilizar unha man. Co novo sistema elimínase o hardware, reducindo o prezo final e permitindo o uso da nova tecnoloxía tamén en tabletas e móbiles.

O desenvolvemento do novo sistema completarase co deseño de aplicacións e programas específicos adaptados a cada tipo de discapacidade, personalizando o acceso en función das capacidades do usuario.
"Como grupo de investigación, a participación neste proxecto dános a oportunidade de trasladar o resultado das nosas investigacións no laboratorio a un produto comercial. Desta maneira podemos devolver a axuda a aqueles pacientes que participaron como voluntarios nos nosos estudos durante os últimos 10 anos", explica o investigador do CSIC Eduardo Rocón, do Centro de Automática e Robótica (centro mixto do CSIC e a Universidade Politécnica de Madrid), que participa no proxecto.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal