Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo do evento

A Cidade da Cultura acollerá unha LAN Party en maio

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/04/16 (08:16)

Este ano parece que o encontro Xuventude Galicia Net consolidará a súa presenza en Silleda entre os días 9 e 11 de setembro (pese ás críticas á súa edición anterior), e para atender a carencia de encontros deste tipo no contorno compostelán temos agora unha iniciativa moi ambiciosa, Gaiás Gaming 2016, unha festa que busca mesturar mocidade, lecer e tecnoloxía entre os días 13 e 15 de maio na Cidade da Cultura de Galicia.

O Gaiás Gaming contará con numerosas actividades repartidas en distintas áreas, de xeito que teremos unha zona tecnolóxica na que se celebrarán as actividades centrais propias dunha LAN Party, pero que veranse completadas cunha zona de concertos, unha zona infantil e incluso áreas destinadas a actividades ao aire libre (como unha tirolina e unha pista de paintball.

O programa de actividades recolle o concurso Gaiás Gaming for Kids (no que alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato de colexios e institutos galegos competirán na creación dun concepto de aplicación móbil cultural); charlas sobre saúde e benestar; relatorios tecnolóxicos de profesionais como Álvaro Gómez Vieites, Alberto Campos Viqueira e Juan Gestal; xogos tradicionais galegos (chave, ra, petanca); torneos de paintball, dardos, baloncesto de 2 contra 2, fútbol de 2 contra 2 e de futbolín; e, moi especialmente, torneos dos videoxogos Counter Strike Global Offensive (con premios de 400, 250 e 100 euros para os tres primeiros equipos), League of Legends (con premios de 400, 250 e 100 euros para os tres primeiros equipos), StarCraft II (con premios de 200 e 100 euros para os 2 primeiros xogadores), HeartStone (con premios de 100 e 50 euros para os dous primeiros xogadores) e FIFA 16 (con premios de 100 e 50 euros para os dous primeiros xogadores).

O sábado 14 tamén se desenvolverá o Gaiás Fest, que a partires das 18:00 horas e até a madrugada ofrecerá música en directo da man de MaisLume Kolektive.

Estamos ante un evento de pagamento, que ten un custo de 6 euros para asistir aos concertos, 30 euros para a entrada xeral (20 euros con Carné Xove) e 50 euros para entrada VIP (40 euros con Carné Xove).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal