Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo 1 mes, 1 profesión dixital

Volve a campaña "1 mes, 1 profesión dixital", co faladoiro dixital sobre Big Data, da man do CPEIG e a Amtega

  • A iniciativa impulsada polo CPEIG en colaboración coa Amtega busca mellorar as competencias dixitais para a empregabilidade e divulgar as novas profesións
  • A primeira xornada celebrarase en Ourense no Centro de Coñecemento “La Molinera” e os faladoiros xirarán ao redor do Big Data
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 22/04/16 (17:33)

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan o vindeiro venres 29 de abril a primeira xornada de 2016 do programa “1 mes, 1 profesión Dixital” que da continuidade á campaña iniciada no 2015. O encontro, inserido na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital, desenvolverase no Centro de Coñecemento “La Molinera”, situado na Rúa do Bebedeiro 1 en Ourense.

A campaña 1 mes, 1 profesión dixital enmárcase na campaña europea e-Skills for Jobs e forma parte dun ciclo de seis xornadas sobre novos perfís dixitais co obxectivo xeral de crear conciencia da necesidade que teñen os cidadáns de mellorar o seu dominio da tecnoloxía da información e a comunicación cara ao emprego.

No 2015 abordáronse temáticas coma o marketing dixital, os contidos dixitais, a banca do futuro, o ámbito sociosanitario, as tecnoloxías informáticas na arquitectura e o xornalismo, sempre dende a perspectiva das TIC. Nesta ocasión o tema a tratar será o Big Data.

A xornada comezará ás 09:45 coa recepción de asistentes para a continuación, ás 10:00, proceder coa benvida institucional que correrá a cargo de Jesús Vázquez, Alcalde de Ourense, Mar Pereira, Directora da AMTEGA e Fernando Suárez, presidente do CPEIG.

Os relatores serán David Losada, director do Máster Big Data da USC, Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Peugeot Citroën cuxa ponencia será “Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos" e por parte de ABANCA estarán Jorge García Romarís e José Valiño que falarán das “Boas prácticas en Big Data”.

O encontro rematará ás 14:00. A inscrición é de balde na dirección de correo electrónico eventos@cpeig.org.
 

Programa da xornada

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal