Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe 3D de avós cegos con portátil e smartphone.

Se son unha persoa cega, ¿mellor iPhone ou Android?

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 21/04/16 (08:01)

Imaxinas que mañá te espertas e xa non podes usar o teu móbil? Podería pasarche que, por circunstancias temporais ou permanentes, deixas de estar en plenas facultades motoras, ou visuais, ou auditivas?

Que faena, non? Poderiamos dicir mesmo que é inxusto. E así é, porque é moi difícil atopar dispositivos 100% accesibles.


A que nos referimos con accesibilidade?

Ao que a OMS define como "a facilidade de uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), tales como internet, por persoas con discapacidade". Isto inclúe características como lectura textos en voz alta e descrición de imaxes, transcricións de audio e vídeo con linguaxe de signos, posibilidade de interactuar mediante xestos, etc.

Aínda que avanzamos moito a nivel tecnolóxico, segue sendo unha materia pendente crear e adaptar as webs e os dispositivos de forma que poidan usalos persoas con dificultades para ver, escoitar ou falar, ou con limitacións como as que poden ter as persoas maiores e outros colectivos.


A facilidade de uso dos móbiles

Un informe recente da Fundación ONCE, realizado polo Observatorio Discapnet, analiza a accesibilidade da web de varios provedores de servizos e subministracións do fogar. Das dez empresas avaliadas, só tres - Iberdrola, Vodafone e Agbar - aproban en accesibilidade.

E que hai dos móbiles? Cóntanolo Enrique Varela, presidente da Fundación Tecnoloxía Social (FUNTESO), que analiza e compara para TLife a accesibilidade de Android e do sistema operativo de Apple (iOS):


Persoas cegas

"Os primeiros móbiles accesibles para este colectivo, que dispuñan dun sistema de voz que lles contaba o que aparecía en pantalla, fixéronse a principios dos anos 2.000 en Symbian. Pero a verdadeira revolución chegou cos primeiros modelos de iPhone. Por primeira vez na historia existía un móbil con opcións de accesibilidade sen ter que pagar extras por adaptar o terminal (e iso en caso que se puidese)".


A evolución continúa a partir do iPhone 3:

"Apple inclúe o Voice Over, que permite manexar practicamente todo mediante diferentes xestos dos dedos sobre a pantalla. As persoas cegas poden escoitar os nomes das iconas e dos botóns, teclear e manexar mapas... Tamén poden conectar os seus dispositivos braille e ler cos dedos esas mesmas informacións".


E que hai de Android?

"Ten o seu equivalente chamado TalkBack, pero inclúe menos variedade de xestos (uns 12 fronte aos 20 de iOS) e son máis complicados de executar. En canto ás voces, aínda que a variedade en iOS é menor, funcionan ben e de forma áxil. As persoas cegas adoitan ler a grandes velocidades e esixen que tamén o fagan así os seus dispositivos, e que reaccionen con celeridade ante un toque ou un xesto".


Persoas con mobilidade reducida e maiores

"Estas persoas están máis a gusto manexando contornas sinxelas, aínda que con eles poidan realizar accións complexas. Neste aspecto Android é claramente o vencedor, xa que permite crear contornas diferentes. Así o fai, por exemplo, a empresa Doro, cuxos terminais ofrecen contornas adaptadas ás necesidades das persoas maiores e con mobilidade reducida. Mesmo ten un modelo especial para persoas maiores e cegas que non busquen a última tecnoloxía".


Que pasa con iOS?

"Aínda que Apple incorpora unha axuda para realizar xestos con facilidade, ao ter un sistema operativo pechado impide moitos desenvolvementos como os de Android, que poderían facilitar máis o acceso. iOS non permite a creación de escritorios e contornas diferentes aos soportados por Apple, e iso condiciona a creación de ferramentas para estas persoas".


Persoas con discapacidade auditiva

"Teñen solucións equiparables en ambos os sistemas. Por exemplo, con funcións como a vibración ou o aceso da luz do flash en chamadas, ou a posibilidade (para persoas con audición reducida) de por o volume máis alto do habitual. En Android existe mesmo algunha contorna que permite un manexo básico do terminal a persoas xordas que non len".


Persoas con diversidade funcional cognitiva e mental

"Este é o grupo que sempre sae máis prexudicado. Falamos de persoas con autismo, síndrome de Down... Aínda que non existen características que veñan "de fábrica" en ningún destes dous sistemas operativos, si podemos dicir que en Android o traballo está máis avanzado, con contornas con pictogramas, calendarios fáciles de manexar... Por exemplo, hai smartwatches que poden indicar a unha persoa autista que accións ten que realizar, unha detrás da outra. Isto é moi útil porque a alternativa é usar metros de papel plastificado, quilómetros de cartolina e quilómetros de velcro para crear os pictogramas correspondentes a cada acción e colocalos por orde. No entanto, queda moito por facer en accesibilidade para este colectivo".


Para calquera

Non é que todos teñamos algunha discapacidade (que tire a primeira pedra quen non) senón que a tecnoloxía accesible pode tamén aumentar as nosas capacidades:

"A empresa Irisbond, que traballa no ámbito do eye-tracking (control ocular), está a presentar estes días un programa para poder manexar smartphones e tabletas coa mirada, o que fai moi fácil poder controlar os seus dispositivos tanto a persoas con mobilidade moi reducida como a outras que, por calquera causa, non poidan tocar os seus terminais. Por exemplo, ao persoal sanitario nun quirófano, ou a traballadores dunha fábrica onde haxa que cambiar a función dunha máquina sen deixar a tarefa manual".

Tema: Xeral
Fonte: tlife.guru
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal