Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Lucus Intercentros

Os institutos lucenses participaron vía TIC no quinto Concurso Lucus Intercentros

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 19/04/16 (08:23)

O venres pasado realizouse a transmisión en directo, por streaming, do quinto Concurso Lucus Intercentros. A retransmisión, que foi seguida por máis de medio cento de persoas (dos sete institutos da cidade de Lugo), foi posible grazas aos bolseiros e técnicos da Fundación TIC (Deputación Provincial), dende o IES Muralla Romana. O IES Virxe dos Ollos Grandes gañou o certame. Nel participaron alumnos de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos públicos da capital. O obxectivo de Lucus Intercentros é favorecer a interrelación alumnado-profesorado dos centros de ensino de Lugo e facelo a través das plataformas tecnolóxicas.

Os seguintes clasificados foron o IES Xoán Montes, no segundo posto; IES Lucus Augusti, no terceiro e IES Leiras Pulpeiro, no cuarto. Anxes Fole, Muralla Romana e San Xillao recibiron cadanseu accésit. Na entrega de premios participou o deputado de Innovación e TIC, Pablo Rivera. A xeito de agasallo, os tres primeiros equipos recibiron unha tableta para cada un dos membros; o cuarto uns altofalantes, e os accésit unha batería portátil. O equipo de bolseiros e técnicos da TIC empregou catro cámaras para a retransmisión en streaming, difundida nas páxinas web da TIC e do IES Muralla Romana.

O concurso, de formato dixital, desenvolveuse ao longo da mañá en fases eliminatorias. Os sete equipos, formados por tres alumnos, recibiron e deron resposta ás preguntas de cultura xeral tipo test, a través de computadores.

Con esta iniciativa, os alumnos do ciclo de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, coa achega do departamento de Informática, poñen en práctica o currículo de asistencia á dirección na organización de eventos e actos públicos A Fundación TIC colabora co IES Muralla Romana na difusión do Lucus Intercentros, dende a súa primeira edición, no ano 2012. A achega é froito do convenio que ambas entidades manteñen para completar a formación práctica dos alumnos da EIS, e promover as ensinanzas que imparte o instituto lucense. A Deputación de Lugo informou tamén que os estudantes do IES editarán un DVD coas imaxes gravadas durante o streaming, que se entregará aos centros educativos da capital co fin de divulgar o certame educativo. No certame, amais da TIC, colaboraron a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, e o CIFP Politécnico de Lugo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal