Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da plataforma ‘Svisual’

Interior presenta dúas novas tecnoloxías que permiten a persoas xordas o acceso aos servizos da Policía Nacional

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 18/04/16 (08:54)

A comisaría de Policía situada no madrileño barrio de Usera instalou diversas tecnoloxías nas súas dependencias que a fan totalmente accesible para as persoas xordas ou con discapacidade auditiva. Trátase de bucles magnéticos, a tecnoloxía que facilita a comunicación a persoas usuarias de próteses ou implantes, e o sistema "Svisual", que permite a comunicación de persoas xordas signantes.

O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, presentou este xoves a plataforma "Svisual" e o dispositivo de Bucles Magnéticos, dous novos servizos que se instalarán en dependencias policiais de toda a xeografía española co obxectivo de promover a accesibilidade de persoas xordas ou con discapacidade auditiva aos servizos de atención ao cidadán que ofrece a Policía Nacional.

Durante a presentación, que tivo lugar na Comisaría de Policía de Usera, Fernández Díaz estivo acompañado polo director xeral da Policía, Ignacio Cosidó; o director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e director do Real Padroado sobre Discapacidade, Ignacio Tremiño; o vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, e representantes da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) e da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (FIAPAS), entre outras autoridades.

O ministro do Interior sinalou na súa intervención que "é obrigación das administracións públicas converter nun alicerce estratéxico da súa actuación a protección dos grupos vulnerables e a promoción do seu acceso aos servizos públicos con garantías". Neste sentido, destacou o papel da Policía Nacional que, ao longo dos últimos anos, desenvolveu "multitude de actuacións e plans de participación cidadá encamiñados a lograr o obxectivo de protexer aos máis vulnerables e favorecer a súa plena inclusión social, sempre en colaboración co tecido asociativo e organizacións concretas".

Pola súa banda, Alberto Durán repasou os distintos proxectos que Fundación ONCE puxo en marcha grazas ao acordo co Real Padroado sobre Discapacidade, e asegurou que a mellora na accesibilidade en materia de comunicación das comisarías da Policía Nacional supón poder contar cunha "policía máis próxima para todos. Está a axudarse a un importante número de persoas que teñen dificultades de comunicación. Así contamos cunha policía mellor", felicitouse.

A instalación destas dúas novas tecnoloxías "vai permitir unha accesibilidade auditiva completa aos servizos policiais -subliñou Fernández Díaz-, é dicir, van converter as comisarías da Policía Nacional en lugares onde as persoas xordas ou con discapacidade auditiva poderán presentar sen barreiras unha denuncia ou poderán realizar sen obstáculos os trámites relacionados coa obtención e renovación do DNI e pasaporte".

O servizo "Svisual" é unha plataforma de vídeo-interpretación pioneira en España que permite a comunicación a distancia e en tempo real con outras persoas xordas ou oíntes na modalidade comunicativa que elixan. Este sistema probouse desde o pasado mes de novembro, nun programa piloto, na Comisaría de Ávila, e hoxe preséntase na Comisaría de Usera, en Madrid. O servizo "Svisual" porase en marcha nas principais dependencias da Policía Nacional grazas á colaboración da Dirección Xeral da Policía coa Fundación ONCE e a Confederación Estatal de Persoas Xordas. Desta forma será posible en todo o territorio nacional a comunicación instantánea mediante un vídeo-intérprete de lingua de signos, utilizando un servizo gratuíto operativo as 24 horas e que se adapta a calquera dispositivo.

Ademais, e grazas tamén a un convenio asinado coa Fundación ONCE, 121 Oficinas de Denuncias e Atención ao Cidadán contan xa cun total de 247 dispositivos de Bucles Magnéticos, que permiten illar o son ambiente e potenciar o do interlocutor, facilitando a comunicación entre os axentes e as persoas con discapacidade auditiva. Con este produto de apoio á comunicación oral, instalado por ILUNION Sociosanitario e que contou coa asesoría da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas), posibilítase a interacción e as relacións interpersoais en espazos contaminados polo ruído ambiente ou naquelas situacións nas que a distancia co interlocutor ou a presenza de varios impide ou dificulta o acceso á información. O sistema elimina o ruído de fondo e envía o son directamente ao audífono ou implantes compatibles con esta tecnoloxía, coma se fose un auricular.

A implantación destes sistemas levouse a cabo tendo en conta os conceptos de "accesibilidade universal" e "deseño para todas as persoas" recollidos na Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade e da súa Inclusión Social.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal