Cun orzamento de 1.000 millóns de Euros, o Graphene Flagship representa unha nova forma de investigación conxunta e coordinada a unha escala sen precedentes, constituíndo a iniciativa investigadora máis grande de Europa até a data. Iniciouse no 2013 para unir a investigadores académicos e industriais no esforzo de levar o grafeno dos laboratorios de investigación á sociedade europea nun período de 10 anos. O proxecto involucra actualmente a máis de 150 membros procedentes de máis de 20 países europeos.
A iniciativa, coordinada desde a Chalmers University of Technology (Suecia), desenvolverá ao redor de 15 paquetes de traballo científico e tecnolóxico sobre aspectos como investigación básica, materiais, saúde e medio ambiente, enerxía, sensores, electrónica flexible ou espintrónica.
O obxectivo é desenvolver implantes de grafeno para aplicacións en neuroloxía, oftalmoloxía, cirurxía, etc.
Algúns dos xestores deste macroproxecto anunciaron en Barcelona a creación dunha nova liña de traballo dedicada a tecnoloxías biomédicas, unha área emerxente de aplicación dos avances conseguidos con materiais 2D como o grafeno. Lideran a iniciativa o profesor Kostas Kostarelos, da Universidade de Manchester (Reino Unido), e o profesor ICREA Jose Antonio Garrido, do Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía (ICN2).
A reunión de lanzamento, celebrada na Casa Convalescència da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), está coorganizada polo ICN2, o Centro Nacional de Microelectrónica do CSIC e o Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer.
Implantes intelixentes con funcionalidade terapéutica
O novo paquete de traballo centrarase no desenvolvemento de implantes baseados en grafeno e outros materiais 2D que teñan funcionalidades terapéuticas para retos clínicos específicos, en disciplinas como neuroloxía, oftalmoloxía e cirurxía. Incluirá liñas de investigación en tres áreas: enxeñaría de materiais; tecnoloxía e enxeñaría dos implantes; e funcionalidades e eficacia terapéutica. O obxectivo é explorar novos implantes con capacidade terapéutica que se poidan seguir desenvolvendo en próximas fases do Graphene Flagship.
A área de enxeñaría de materiais dedicarase á produción, caracterización, modificación química e optimización de materiais baseados en grafeno que se introducirán no deseño de implantes e tecnoloxías terapéuticas. En tecnoloxía e enxeñaría dos implantes aplicará os resultados obtidos ao deseño de tecnoloxías implantables.
Diversos equipos traballarán en paralelo en implantes retinais, corticais, cerebrais e en dispositivos para o sistema nervioso periférico.
Rexístrate como: