Para demostrar o seu compromiso coa tecnoloxía accesible, dende Google dan conta de que destinarán 20 millóns de dólares para financiar proxectos tecnolóxicos que dean solución ás discapacidades e presentan varias tecnoloxías que están a desenvolver ao redor dos seus produtos e servizos para mellorar a súa accesibilidade entre as que destaca o Accessibility Scanner, unha nova ferramenta para Android que permite que os desenvolvedores poidan probar as súas aplicacións e así recibir suxestións para mellorar a súa accesibilidade (por exemplo, recomendándolle incrementar o tamaño dun botón ou dotar dun maior contraste a un texto.
Tamén lembran que Android N contará na súa configuración de visión con opcións para activar a ampliación de pantalla mediante xestos, permitirá ampliar o tamaño dos tipos de letra, facilitará o control do tamaño de pantalla (para facer elementos máis grandes ou cativos) e permitirá activar o lector de pantalla TalkBack sempre activo para axudar a persoas con baixa visión. Para os Chromebooks anuncian ChromeVox, un lector de pantalla que facilita a navegación por pantalla mediante o recoñecemento de voz, e que na súa última versión de proba tamén inclúe un novo modelo de atallos de teclado simplificados, saída Braille e un novo conxunto de sons de navegación.
A aplicación de Google Docs tamén permite escribir, editar e formatar texto empregando ordes de voz, facendo máis doado que a xente que non poida empregar pantalla táctiles poida editar documentos. Tamén están a colaborar con Freedom Scientific para que o lector de pantalla JAWS funcione mellor con Google Docs e Google Drive.
E completando a funcións de accesibilidade lembran que están a desenvolver unha versión de proba pechada de Voice Access, unha aplicación que facilitará o control de pantalla táctiles a persoas con dificultades para o seu uso, que poderán empregar funcións de voz para manexar o teléfono, facilitando así a apertura de aplicacións ou o movemento polas pantallas.
Rexístrate como: