Desde os primeiros cursos, os estudantes deben adquirir as súas competencias dixitais no ensino obrigatorio. Así o establecen as últimas leis educativas (LOE e LOMCE), que chocan cunha realidade social: o baixo perfil dixital de gran parte dos profesores.
'O problema que detectamos no noso estudo é que o profesorado, xeralmente, non está preparado para o desenvolvemento destas competencias no neno debido ás súas propias carencias no uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC)', afirma Mª José Fernández Díaz, decana da facultade de Educación da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e autora principal da investigación, publicada na revista Comunicar.
En colaboración coa Universidade Francisco de Vitoria (UFV), os investigadores analizaron o perfil dixital de 1.433 profesores de 80 centros públicos, privados e concertados da Comunidade de Madrid. O 53,73% daba clases en educación primaria, o 42,78% facíao en educación secundaria e o 3,49%, nos dous niveis.
Por sexos, o 66,57% eran mulleres e o 33,43%, homes, con idades comprendidas entre os 26 e os 45 anos na súa maioría. Os docentes tiveron que completar un cuestionario no que se analizaba o seu perfil nas TIC, de acordo aos estándares establecidos pola UNESCO.
Os resultados revelan que o 39,71% tiña un perfil de formación docente en TIC 'medio', unha proporción moi similar á dos profesores con perfil 'pobre', que eran o 36,85%. O nivel máis baixo, 'moi pobre', rexistrouno o 9,56% dos docentes. 'Noutras palabras, o 46,31% dos profesores presentou un perfil negativo en formación de TIC', resumen os autores.
A idade foi un dos factores determinantes no nivel de competencias. 'Dos docentes que participaron no estudo, aqueles que teñen máis idade (55-66 anos) posúen un perfil de formación docente en TIC moito máis baixo que os que son máis novos ou teñen menor experiencia', destaca Francisco José Fernández Cruz, profesor da UFV e outro dos autores do estudo.
De feito, os profesores de entre 20 e 25 anos foron os que mellor perfil rexistraron. O traballo non revelou diferenzas en canto a xénero.
A fenda coa Xeración Z
Os autores destacan que, ademais da idade, o factor máis importante á hora de desenvolver estas habilidades é a falta de formación continua no posto de traballo. 'É importante profundar na definición dos plans de formación do profesorado que axuden a mellorar a preparación dos actuais docentes en relación á súa competencia dixital e que faga reducir a fenda dixital entre o profesor e o seu alumno', expón a investigadora da UCM.
Na súa opinión, esta formación debería empezar nas facultades de Educación e seguir nos cursos de formación continua organizados polos organismos educativos públicos e privados.
Os investigadores alertan da gran fenda dixital que existe entre os alumnos 'a coñecida como Xeración Z, nacidos entre 1995 e 2012' que son nativos dixitais, e os profesores, denominados inmigrantes tecnolóxicos, o que repercute negativamente na formación dos menores.
'Se o profesor carece das habilidades competenciais necesarias para desenvolver nas súas clases metodoloxías innovadoras co apoio das tecnoloxías, o alumno vese limitado nas súas aprendizaxes dunha maneira evidente', advirte Fernández Cruz.
Rexístrate como: