Hai nenos menores de dous anos que aínda non falan, pero que saben desbloquear un smartphone, entrar en YouTube e clicar nos debuxos animados de Peppa Pig. Mentres, hai adultos que seguen sen crerse as posibilidades que ofrece a Rede. É o que se coñece como fenda dixital. Pero 2015 converteuse no ano no que se reduciu esta diferenza no uso das novas tecnoloxías. O maior crecemento do uso de Internet deuse na franxa de 55 e 64 anos: os usuarios desta idade chegaron ao 61,4%, seis puntos máis que no 2014, segundo o estudo Sociedade da Información en España 2015 de Telefónica, presentado hoxe en Madrid. O aumento é aínda máis representativo se se compara con 2010, cando só un 34,6% das persoas desta idade entraban na Rede, case 27 puntos menos que agora.
A que se debe a irrupción de novos usuarios? A clave está no incremento de operacións bancarias a través de Internet e das relacionadas coa Administración, como a declaración da renda online. A partir destas primeiras incursións, os maiores de 55 lánzanse con máis facilidade á Rede, segundo o informe da compañia.
Máis usuarios e supremacía do móbil
Os usuarios de Internet seguen medrando: no 2015 xa había un millón máis que no 2014, até os 27,15 millóns de usuarios. Isto supón que oito de cada 10 persoas de entre 16 e 74 anos accede diariamente a Internet. Predominan os usuarios que se conectan a través do móbil, o 88,3%. Así, este dispositivo supera por primeira vez ao computador, que baixa até o 78,2%, despois do empate do ano pasado. "Somos o país que máis consumo ten de smartphones e de tabletas. Os internautas neses dispositivos superan aos de Reino Unido ou Alemaña", explicou este luns Luís Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España, na presentación do informe.
Cae o uso de redes sociais
Unha das sorpresas do estudo é que descendeu o uso de redes sociais 2,4 puntos, até chegar ao 67,1%. Os mozos fan unha utilización máis racional das redes e conéctanse a Internet tamén para acceder a outros servizos como o comercio electrónico ou a educación online, segundo apunta o informe.
Máis preocupados pola seguridade
No 2015 detectouse unha tendencia nova entre os internautas: unha crecente preocupación pola seguridade dos seus datos. Así, o 82% dos españois considera a privacidade como algo moi valioso que hai que protexer. "Como apuntamento, as mulleres están significativamente máis preocupadas pola privacidade que os homes", detallou Emilio Gilolmo, presidente executivo da Fundación Telefónica. Ademais, o 85% dos usuarios reclama poder borrar os seus datos da rede. Esta recente preocupación pola seguridade tamén se desliga dun novo dato: o 65% dos usuarios afirma sufrir algún problema online.
As máquinas pensantes e a Internet das cousas son tendencia
O informe tamén apunta as tendencias tecnolóxicas do futuro. Este ano os protagonistas son a Internet das cousas e as máquinas que pensan. Conectar dixitalmente o coche, o frigorífico ou a lavadora para que sexan máis eficientes ou avisen cando faltan alimentos é unha realidade que se afianza máis cada ano. Este proceso é coñecido tamén como a Internet industrial. "Xa se pode falar de cadeas de produción intelixentes, fábricas intelixentes e servizos intelixentes", dixo Gilolmo. Esta utilización masiva de Internet suporá unha achega ao PIB español de máis de 100.000 millóns de euros entre 2015 e 2030, calcularon os autores do informe.
Ao mesmo tempo, tamén chegan as máquinas que pensan, o que se denomina como computación cognitiva. "Os asistentes virtuais como Siri, Google Now ou Cortana son o gran referente en computación cognitiva", sostivo Gilolmo. Trátase de sistemas capaces de aprender da experiencia a través de algoritmos e de sistemas predictivos. Un formato sacado da ciencia ficción que xa é unha realidade.
Rexístrate como: