Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e de Política Social, José Manuel Rey Varela, participaron hoxe na entrega dos premios do concurso 'Lingua de namorar', un certame que ten como obxectivo promover o uso da lingua propia de Galicia na mocidade a través dos medios con que se comunica na súa vida cotiá, entre os que a Internet e os diferentes sistemas de mensaxería instantánea son fundamentais.
Dinamizar o galego entre os mozos e mozas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, sinalou que “o galego é unha lingua vital, e móstrao o feito de que está entre os trinta idiomas, dos 6000 que se falan no mundo, que máis presenza teñen na Internet. Traballamos para que isto siga a ser así, conscientes de que, para ser unha lingua de futuro, a nosa ten que estar alí onde está a mocidade, e esta relaciónase -en boa medida- a través da Rede”. Román Rodríguez aproveitou para lembrar que “o certame 'Lingua de namorar' quere visibilizar o valor do galego para a sociedade cada vez máis tecnolóxica que nos agarda, e ser un novo estímulo para que os mozos e mozas empreguen o galego con normalidade no seu día a día, en calquera situación e en calquera soporte”.
Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, explicou que “a dinamización e a promoción da lingua galega entre a mocidade é un eixe prioritario da acción do Goberno galego”. Neste sentido, sinalou que “programas como 'Lingua de namorar' non só serven para fomentaren entre os rapaces e rapazas o uso do galego, senón que tamén permiten amosar a capacidade creativa e o talento dos mozos e mozas”. Ademais, Rey Varela defendeu “a utilidade do galego en todos os ámbitos, contextos e momentos da vida”, e indicou que “os mozos e mozas son o garante para que o galego perdure no tempo”.
6 mensaxes premiadas entre 223 composicións
‘Lingua de namorar’ é un concurso en liña de mensaxes de amor en idioma galego dirixido a mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. Os participantes nesta edición, á que se presentaron un total de 223 composicións, tiveron que achegar mensaxes de amor escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, cunha extensión máxima de 350 caracteres, incluídos os espazos en branco.
Desta volta, na categoría de entre 14 e 19 anos, resultou galardoada co primeiro premio Sabela Domínguez Souto, de Verín, pola mensaxe 'Nese intre'. O segundo premio recaeu en Sara Caride Blanco, de Cambados, coa creación titulada 'A perda de tempo'. O terceiro premio foi para Xeila Rey Cambados, de Vilanova de Arousa, con 'Por fin!'. As premiadas recibiron, respectivamente, un teléfono móbil intelixente, un dron con cámara de vídeo e unha torre de son con Bluetooh, amais de cadanseu diploma acreditativo.
Na categoría de entre 20 e 35 anos, a gañadora foi Alba Dono Costoya, de Ordes, con 'De laranxas e grelos'. O segundo premio correspondeulle a Clara Presedo Rama, da Coruña, pola mensaxe 'Percepción'. O terceiro premio outorgóuselle a Juan Manuel Sánchez Pardo, tamén da Coruña, polo texto titulado 'Sen batería'. Os galardoados obtiveron, respectivamente, unha cámara réflex, un reloxo intelixente e un disco duro externo; ademais de cadanseu diploma acreditativo.
Os textos gañadores tamén contaron coa versión musical elaborada polo cantautor Manoele de Felisa, que interpretou cada un deles durante a entrega dos premios.
Os internautas foron os protagonistas da primeira fase da valoración das mensaxes presentadas a concurso, ao votaren polas súas preferidas a través do web do certame. De entre as máis votadas, o xurado escolleu as gañadoras tendo en conta o grao de elaboración da mensaxe, a orixinalidade e a calidade da lingua empregada.
Todas as mensaxes participantes pódense ler na páxina do concurso, así como no Portal da Lingua Galega.
O galego, lingua da xente nova e da web 2.0
O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) fai fincapé no sector social da mocidade e propón obxectivos e medidas dirixidas a esta franxa de idade que as Consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente- concretan en diversas iniciativas, como o concurso 'Lingua de namorar' ou o programa 'O galego campa', destinado a promover o uso do galego no marco dos campamentos xuvenís de verán da Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, a folla de ruta do Goberno galego no eido da promoción do uso da lingua propia de Galicia considera prioritario o sector das TIC.
A Lei de xuventude de Galicia, aprobada na pasada lexislatura, establece a promoción da lingua galega como un eixo prioritario da acción de goberno. Ademais, o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2014-2016 contempla once medidas para fomentar o uso do galego nos distintos eidos sociais, en consonancia coa aplicación do Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de impulsar o uso do idioma propio de Galicia entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), especialmente na Internet e nos sistemas de mensaxería instantánea.
Rexístrate como: