Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

O programa de voluntariado dixital da Xunta conta xa con 137 voluntarios e 61 entidades colaboradoras na súa primeira convocatoria de adhesión

O próximo 20 de marzo comezará a formación dos voluntarios dixitais e das entidades de acción voluntaria inscritas.

As actividades do Programa permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 personas maiores e a oito federacións de persoas con discapacidade.

O programa articulase sobre a figura do voluntario dixital, as entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas tecnolóxicas que actuarán como mecenas dixitais.

O perfil do voluntario dixital é dunha persoa maior de 18 anos cun coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

A segunda convocatoria terá lugar en setembro.

 

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 04/03/12 (12:19)

Un total de 137 voluntarios dixitais e 36 entidades de acción voluntaria se adheriron á primeira convocatoria do Programa de Voluntariado Dixital que a Xunta de Galicia puxo en marcha a principios de febreiro.

O obxectivo desta iniciativa, promovida pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a Consellería de Traballo e Benestar, é contribuír a través da colaboración e compromiso de persoas voluntarias á incorporación das novas tecnoloxías á vida cotiá de toda a cidadanía galega, centrándose nesta primeira fase nos colectivos de maiores e persoas con discapacidade.

As actividades do Programa de Voluntariado dixital permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para reducir a fenda dixital.

Ademais da solidariedade individual, a iniciativa suma a tamén responsabilidade social das empresas TIC e organismos públicos e privados que representan intereses profesionais, académicos, empresariais e/ou sociais. Neste senso, cómpre destacar que, ademais das persoas voluntarias e entidades de voluntariado adheridas, expresaron o seu interese de compromiso e participación, un total de 12 organismos colaboradores (colexios profesionais, asociacións de colectivos,...) e 13 empresas tecnolóxicas que actuarán como mecenas dixitais, apoiando o programa con achegas para a formación, cesión de espazos, financiamento de eventos ou apoio á comunicación.

Formación

O seguinte paso de cara ó desenvolvemento do programa é ofrecer unha correcta capacitación ós voluntarios e persoal técnico das entidades de acción voluntaria para orientalos nas súas tarefas de acción solidaria a través do Curso “Voluntariado e Novas Tecnoloxías” incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O 1º Módulo de Formación será o 20 de marzo no Centro de Novas Tecnoloxías en Santiago de Compostela. Os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico voluntariadodixital@xunta.es. O curso de formación ofrece ós voluntarios e persoal técnico das entidades de acción voluntaria a formación xenérica e especializada no ámbito de voluntariado e TIC. A formación completarase con dous módulos máis que rematarán en abril, mes no que as entidades de acción voluntaria adheridas poderán solicitar os apoios dixitais e persoas voluntarias que precisen a través da web do proxecto.

Coordinación de oferta e demanda

A unidade de coordinación VolDixital será a encargada de canalizar a oferta de voluntarios e a demanda que realicen as entidades voluntarias ao rexistrarse no portal. VolDixital está integrada por profesionais da Secretaría Xeral de Modernización e da Dirección Xeral de Voluntariado que, a través da web, porá en contacto as organizacións de voluntariado a e ás persoas voluntarias para a realización das iniciativas de apoio dixital. Ademais impulsará novas actuacións en base á demanda que prantexen estas entidades.

Convocatorias semestrais a través da web

O desenvolvemento do programa divídense en dúas convocatorias, a primeira que se pechou o pasado 29 de febreiro, e unha segunda convocatoria que se lanzará en setembro. Nesa data repetirase o proceso e tanto as entidades de acción voluntaria como os posibles voluntarios poderán incorporarse ao programa a través da web http://voluntariadodixital.xunta.es. A adhesión das entidades públicas e privadas e as empresas realizarase a través da sinatura dun convenio.

 

Tema: Xeral
Fonte: Voluntariado Dixital
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal