Fundación ONCE e a sociedade Mapp4all Universal Accesibility asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) como ferramentas de apoio á inclusión das persoas con discapacidade e de mellora da accesibilidade universal.
O CEO de Mapp4all Universal Accesibility, Josep Esteba García-Valdecasas, e o director xeral de Fundación ONCE, José Luís Martínez Donoso, foron os encargados de subscribir este acordo.
Ámbalas entidades coinciden en que para alcanzar a plena inclusión das persoas con discapacidade requírese avanzar na accesibilidade universal e impulsar o uso das TIC como ferramentas de apoio para a autonomía e a mellora da súa calidade de vida.
En virtude deste cordo, Fundación ONCE comprométese a achegar á empresa o seu coñecemento en materia de accesibilidade universal con obxecto de lograr unha maior usabilidade do servizo que ofertan, denominado "Mapp4all", ás persoas con discapacidade. Ademais, facilitarán contactos, especialmente con entidades do movemento asociativo dentro do colectivo de persoas con discapacidade, para que unha vez rexistrados na aplicación de forma totalmente gratuíta, poidan compartir e validar a accesibilidade dos distintos establecementos da súa cidade.
Pola súa banda, Mapp4all promocionará conxuntamente coa Fundación ONCE a súa aplicación e novos servizos para persoas con discapacidade en congresos e feiras especializadas. Tamén buscará desenvolver novas ferramentas para a mellora da inclusión social co asesoramento de Fundación ONCE.
Finalmente, Mapp4all comprométese ademais a destinar o 2% dos beneficios anuais que perciba pola liña de negocio que xurda pola utilización da aplicación ao financiamento de proxectos de accesibilidade seleccionados de mutuo acordo entre as partes.
Para Fundación ONCE, é urxente adoptar medidas que permitan garantir a accesibilidade universal en contornas, produtos e servizos para asegurar a igualdade de oportunidades. Neste sentido, defende o desenvolvemento de actuacións destinadas a promover o potencial das TIC a favor da inclusión social e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade.
MAPP4ALL UNIVERSAL ACCESSIBILITY, S.L. é unha sociedade que ten por obxecto o desenvolvemento e explotación dunha plataforma que funciona con soportes dixitais como internet, smartphones ou TV interactiva, aos efectos de informar os usuarios da localización de lugares (por exeemplo oficinas, restaurantes, hoteis, etc.) e das súas características relacionadas coa accesibilidade. Tamén inclúe servizos de consultoría e achega de coñecementos en negocios dixitais a empresas; servizos de asesoramento e consultoría en relación coa integración do colectivo de persoas con discapacidade na sociedade, e comercialización de publicidade.
Mapp4all é unha startup nada en Barcelona que, a través dunha aplicación gratuíta (dispoñible en iOS e Android), recolle a información relacionada coa accesibilidade de todos os puntos de interese dunha cidade. O obxectivo é a accesibilidade universal, entendida esta como o grao de accesibilidade en que todas as persoas, practicamente sen excepción, poden utilizar un obxecto, visitar un lugar ou acceder a un servizo.
As persoas con mobilidade reducida, con déficit auditivo ou visual, persoas que van co carriño de bebé, persoas da terceira idade, persoas con alerxias, celíacas ou vexetarianas, necesitan coñecer, antes de acudir a un lugar, se este reúne as condicións de accesibilidade que require. Mapp4all resolve esa necesidade e mostra ao cidadán, con necesidades distintas, onde atopar un hotel cos accesos, habitacións e baños adaptados para aquel que vai en cadeira de rodas, un restaurante que teña cambiador para bebés, ofreza pratos sen glute e teña carta en braille, un bar co baño adaptado ou unha notaría ou despacho de avogados aos que se poida acceder con cadeira de rodas sen necesidade de axuda.
Para iso, mapp4all dixitaliza toda a información relativa á accesibilidade e sóbea á súa app, definindo diferentes graos de accesibilidade de cidades e sitios, permitindo ao usuario realizar procuras seguindo diferentes criterios co fin de atopar os lugares ou servizos aliñados coas súas necesidades.
Rexístrate como: