Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Minecraft Mundo Educativo

A UDC organiza un campamento tecnolóxico de Minecraft durante a Semana Santa

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/03/16 (09:11)

Os días 21, 22 e 23 de marzo a Universidade da Coruña acollerá o Campamento tecnolóxico Minecraft nas aulas de informática da Facultade de Ciencias do Traballo e do Edificio de Apoio ao Estudio no Campus de Ferrol dividindo a actividade en dúas quendas, a de mañá de 9:00 a 14:00 horas e a de tarde de 16:30 a 19:30 horas, custando o campamento 89 euros por alumno na quenda de mañá ou 59 euros por alumno na quenda de tarde (tendo os fillos de persoal da UDC e outros colectivos un desconto de 10 euros en calquera das quendas).

O campamento vén a ser unha aplicación do célebre videoxogo Minecraft ao currículo formativo, animando a aprender experimentando, ensinando a traballar en equipos, aprender dos erros e seguir unhas regras. Amais, con MinecraftEDU (versión educativa de Minecraft) tamén pode aprenderse física (magnitudes, unidades, instrumentos de medición...), química (corpos, materiais, reaccións...), matemáticas (operacións básicas, cálculos, estatísticas...), coñecemento do medio (zooloxía, botánica, ecoloxía, xenética...), ciencias da terra (movementos terrestres, puntos cardinais, orografía...), historia (pódense construír sitios arqueolóxicos e históricos que logo visitar interactivamente), tecnoloxía (ferramentas, automatización, produción en serie...), ciencias artísticas (son, música, estética...) e ciencias relacionais (traballo en equipo, rolas, respecto, códigos...), adquiríndose este coñecemento de xeito divertido a través da interacción, facendo que os alumnos perciban máis intensamente a experiencia ao sentirse protagonistas.

A elección de Minecraft como ferramenta de gamificación non é casual, xa que estamos ante un xogo no que non é necesaria a violencia (aínda que existen monstros que provocan tensión, son opcionais), non se fomenta o matar por matar (a caza e a pesca realízanse por supervivencia, a tala de árbores é para obter madeira...), permite comprender sistemas (hai que construír maquinarias, producir ferramentas, cultivar...) e tamén supón un desafío intelectual (con problemas que poden resolverse de distintos xeitos, seguindo estruturas cognitivas que poden empregarse en situacións reais).

Temos así unha completa ferramenta que ben usada pode servir para desenvolver a capacidade lectora, axudar a aprender matemáticas básicas, entender mellor a xeometría e incluso propor actividades de escritura (mantendo un rexistro ou contribuíndo ao Minecraft Wiki), e durante o campamento de Semana Santa entre 20 e 50 cativos poderán introducirse en todo este fenómeno que axuda a aprender xogando.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal