Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Quérote+

A Dirección Xeral de Xuventude porá en marcha un servizo de consulta a través de videochamada para Quérote+

  • Os mozos e mozas poderán formular as súas consultas a través de Skype e Hangouts
  • Este servizo súmase ao xa prestado de forma presencial, telefónica, on-line ou por mensaxería instantánea
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/03/16 (08:58)

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado porá en marcha nas vindeiras semanas un novo servizo de videochamada para que os mozos e mozas poidan asesorarse e formular as súas consultas aos profesionais do Quérote+. Ata o momento os usuarios do Quérote+ podían facer as súas consultas de forma presencial, telefónica, on-line ou por mensaxería instantánea a través de aplicacións como Whatsapp ou Telegram e agora tamén o poderán facer a través de videochamada con Skype e Hangouts.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, probou hoxe este novo servizo cunha videoconferencia dende o Espazo Xove de Vilagarcía coas oficinas en Lugo do Quérote+. O servizo estará a proba durante tres meses, nos que se testeará e se mellorará o protocolo de atención para unha maior eficacia e unha mellor atención aos usuarios. Durante estes meses, o servizo estará dispoñible os luns, mércores e venres en horario de 9,30 a 14,00 horas e as tardes dos luns e dos mércores de 16,30 a 19,00 horas.

A videochamada permite o acceso ao servizo de atención ás mozas e aos mozos que teñan dificultade para achegarse de xeito presencial a un dos centros Quérote+. Permite unha comunicación directa, a tempo real, verbal e non verbal, o que permite un asesoramento máis personalizado.

Deste xeito as barreiras físicas que poden supor unha limitación de acceso ao recurso quedan anuladas e permítese que o servizo sexa accesible a un maior número de xóvenes, máis homoxéneo e igualitario entre toda a mocidade galega.

O contacto por Skype realízase a través do usuario “Quérote+ Videochamada” e para empregar a videochamada a través de Hangouts deberase buscar o usuario querotemais.videochamada@gmail.com.

As vías de consulta dixitais, como a de consulta on-line e a de mensaxería instantánea, son unhas das máis empregadas. No ano 2015 recibíronse 1.267 consultas on-line, un incrmento do 3,85% en relación ao ano anterior, e 712 consultas a través de Whatsapp e Telegram, un 20,30% máis que no ano 2014.

Os servizos de videochamada son cada vez máis empregados pola mocidade, co que se agarda unha boa acollida pola súa parte así como pola dos axentes xuvenís como educadores, profesorado ou monitores, xa que tamén poderán asesorarse a través desta vía para poder traballar cos mozos e mozas en espazos como escolas, centros socioculturais ou campamentos.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal