Toyota mantén unha división dedicada a proxectos que non están necesariamente relacionados co mundo do motor, e o proxecto BLAID é un exemplo perfecto desa motivación. O obxectivo deste proxecto é o de axudar aos cegos a poder moverse polo mundo con máis facilidade.
Este wearable ten un deseño que lembra a un xugo: é unha especie de colar aberto que descansa sobre o pescozo e ombreiros do invidente e que integra unha serie de sensores e cámaras para axudar a identificar aseos, ascensores, escaleiras ou portas. A idea non é substituír aos cans ou os bastóns brancos, senón achegar máis información para que os cegos se movan mellor con estas axudas adicionais.
Tecnoloxía de coches autónomos ao servizo dos invidentes
O dispositivo de Toyota engade máis contexto e información á contorna que rodea ás persoas cegas, e por exemplo permite que cando se atopan cunha porta identificada cun sinal as cámaras ofrezan información sobre se é un baño ou unha porta de saída (ou entrada) mediante un altofalante ou vibracións.
O recoñecemento de voz e unha serie de botóns permiten interactuar ao usuario con esta solución, e en Toyota esperan ir máis aló e engadir funcións como mapas, identificación de obxectos e mesmo recoñecemento facial ao dispositivo. Segundo Doug More, un dos responsables de Partner Robotics en Toyota, "estamos a tentar cubrir ese baleiro achegando información extra que o bastón ou o can non poden achegar".
O proxecto entrará pronto en fase beta e iso significará que en Toyota comezarán a realizar probas reais con cegos e cegas que poderán comezar a avaliar o seu funcionamento. A idea é chegar a comercializalo no futuro, e esta é unha boa demostración de como a tecnoloxía de recoñecemento de obxectos que se está aplicando no mundo da automoción pode ter outras aplicacións.
Rexístrate como: