Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Dixitalización

España avanza en dixitalización, pero segue por debaixo da media na UE

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 01/03/16 (10:44)

A Comisión Europea publicou hoxe os resultados da edición de 2016 do Índice da Economía e a Sociedade Dixitais (DESI, polas súas siglas en inglés). As conclusións, dadas a coñecer hoxe en Bruxelas, poñen de manifesto que, desde a publicación o ano pasado da Estratexia da Comisión para o Mercado Único Dixital, os Estados membros realizaron progresos en ámbitos tales como a conectividade e as competencias dixitais, así como nos servizos públicos.

Aínda que se destacan as melloras, os resultados tamén indican que o ritmo de progreso retárdase. "Requírense medidas, tanto nacionais como da UE, para eliminar os obstáculos que impiden aos países aproveitar plenamente as oportunidades dixitais", sinala o documento.

Segundo o índice DESI, España é un dos países europeos que máis creceu dixitalmente no último ano. A pesar diso, segue estando lixeiramente por baixo da media da UE. O informe pon de relevo que melloramos os resultados en conectividade grazas ao despregamento das redes rápidas de banda ancha (o 77% dos fogares dispón deste tipo de acceso), aínda que con diferenzas entre as rexións españolas.

En xeral, sinala o índice, o noso país presenta debilidades ao lado da demanda, con niveis baixos de competencias dixitais (só un 54 % de españois posúe competencias dixitais básicas) e uso de internet, pero fortalezas no recurso a tecnoloxías dixitais (uso da identificación por radiofrecuencia ou dos servizos en nube por parte das pemes) e nos servizos públicos dixitais (este é o ámbito no que España se comporta mellor, debido a unha mellor oferta de servizos deste tipo).

Ademais, España supera a media da UE en dous ámbitos: ten unha moderada vantaxe en integración da tecnoloxía dixital e está moi por encima en servizos públicos dixitais. A pesar de todo, ocupa o posto 15 entre os 28 estados membros a potencia dixital.

Dinamarca, os Países Baixos, Suecia e Finlandia mantéñense nos primeiros postos no índice DESI. En tanto que os Países Baixos, Estonia, Alemaña, Malta, Austria e Portugal son os países que máis rápido están a medrar.

 

Incrementar o rendemento dixital

Segundo declarou Andrus Ansip, vicepresidente do Mercado Único Dixital, "Cada vez máis persoas, empresas e servizos públicos están a dixitalizarse. Pero aínda hai países con problemas como unha insuficiente cobertura de internet de alta velocidade ou a falta dunha administración electrónica transfronteiriza. Temos que corrixir esa situación. Isto é o que pretende facer a nosa estratexia, cuxas primeiras propostas impulsarán o comercio electrónico e a conectividade e axudarán aos países a incrementar o seu rendemento dixital e as súas economías".

Pola súa banda Günther H. Oettinger, comisario de Economía e Sociedade Dixitais, sinalou que "a UE avanza, pero moi lentamente. Non debemos durmirnos nos loureiros. É preciso actuar se queremos alcanzar a Xapón, os Estados Unidos e Corea do Sur".

Neste sentido, a UE no seu conxunto alcanzou unha puntuación de 0,52 sobre 1, o que supón unha mellora respecto ao 0,5 do ano pasado. Todos os países da UE, con excepción de Suecia, melloraron a súa nota.

Por primeira vez, a comisión comparou tamén a UE cos países máis dixitalizados do mundo (Xapón, Estados Unidos e Corea do Sur). Aínda que o informe completo relativo a un novo indice internacional sobre o rendemento en materia dixital non estará dispoñible até mediados de marzo, os resultados preliminares indican que os países punteiros da UE no ámbito dixital atópanse tamén entre os mellores do mundo.

No entanto, a UE debe realizar melloras significativas para asumir un papel de liderado na escena internacional, sinala o informe europeo.

O informe destaca que o 71 % dos fogares europeos poden acceder a unha banda ancha de alta velocidade (polo menos 30 Mbps), en comparación cun 62 % o ano pasado. A UE vai por bo camiño para alcanzar unha cobertura total de aquí a 2020, agrega o informe.

O número de abonados á banda ancha móbil está a aumentar rapidamente, pasando de 64 abonos por cada 100 europeos en 2014 a 75 na actualidade. A UE debe estar preparada para satisfacer a demanda futura e facilitar a próxima xeración de redes de comunicación (5G). Por este motivo, e para responder os retos tecnolóxicos e de mercado, a comisión presentará a finais de ano unha revisión da normativa da UE sobre as telecomunicacións.

 

Poucos coñecementos informáticos básicos

Doutra banda, aínda que o número de graduados en ciencia, tecnoloxía e matemáticas (CTIM) aumentou lixeiramente na unión, case a metade dos europeos (o 45 %) carece de coñecementos informáticos básicos "por exemplo saber utilizar unha caixa de correos electrónica ou ferramentas de edición, ou instalar novos dispositivos". Antes de que acabe o ano, a comisión abordará a cuestión das competencias e a formación dixitais no marco da próxima axenda de competencias da UE, indica o informe.

O documento tamén fai unha crítica da oportunidade perdida en comercio electrónico por parte das pequenas empresas. O 65% dos internautas europeos compran en liña, pero só o 16 % das pemes venden por este medio e menos da metade delas realizan vendas transfronteirizas en liña

O próximo mes de maio, a CE presentará un paquete lexislativo para impulsar o comercio electrónico, que incluirá medidas para abordar a cuestión do bloqueo xeográfico inxustificado, mellorar a transparencia dos mercados transfronteirizos de paquetería e facer cumprir mellor as normas da UE en materia de protección transfronteiriza dos consumidores.

A comisión tamén pon de manifesto que hai máis servizos públicos en liña, pero están infrautilizados. Os indicadores mostran que as administracións públicas ofrecen unha gama máis ampla deste tipo de servizos. No entanto, o número de usuarios de internet que interactúa coa administración en liña non aumentou e está no 32 %.

Tema: Xeral
Fonte: Agencia Sinc
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal