O pasado 15 de febreiro celebrábase o día mundial do cancro infantil e atendendo a esta data o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA), dende a súa área de e-learning e xunto aos socios europeos do proxecto Create Your Future, expoñía dous vídeos nos que mozos sobreviventes de cancro infantil lanzaban unha mensaxe de alento e folgos a outros sobreviventes de cancro infantil e a mozos que aínda están no proceso de tratamento da súa enfermidade. Informar que o proxecto europeo Create Your Future ten como meta o desenvolvemento dun programa integral de orientación profesional para os sobreviventes da dita doenza (15-25 anos) tendo en conta as necesidades especiais, tensións e limitacións do grupo afectado, sen esquecer o seu outro obxectivo fundamental que é o de dar voz a este grupo de mozas e mozos.
E volvendo á primeira mensaxe amosada polo CESGA, dicir que quer abranguer, a través das declaracións de varios sobreviventes, temas que van desde as dúbidas e temores que xorden durante os primeiros intres do diagnóstico e tratamento até unha visión futura. O segundo vídeo vai encamiñado aos futuros empregadores, enviándolles unha mensaxe que chama a desmitificar algunhas das crenzas máis comúns así como subliñar o importante papel que estes mozos poden e deben xogar na empresa, dende a súa posición de sobreviventes.
Os vídeos están protagonizados por mozos que superaron a doenza tanto de España como Austria, e Bulgaria, e contaron coa colaboración das seguintes asociacións: España: Camiñantes-Aspanion (Comunidade Valenciana); Austria: Asociación de Mozas con Cancro; Bulgaria: Asociación nenos oncohematolóxicos.
O proxecto baséase na experiencia adquirida en Austria pola Asociación de Mozas con Cancro austríaca e Die Berater e desenvólvese un programa de orientación profesional sustentable noutros 3 países europeos co fin de reducir o desemprego dos que superan un cancro infantil e de cumprir o obxectivo da Estratexia de Lisboa de "pleno emprego ".
Arestora o proxecto atópase en fase de elaboración do currículo de orientación profesional segundo un estudo realizado pola Universidade de Santiago de Compostela sobre as necesidades educativas dos mozos superviventes, e será posto en práctica a través dunha plataforma tecnolóxica desenvolvida polo CESGA, cuxa principal característica reside na interacción e o intercambio de información e coñecementos entre os seus usuarios. Dita plataforma en liña terá dous tipos de usuarios: os orientadores profesionais (que farán parte da súa formación a través desta plataforma) e os sobreviventes (que terán á súa disposición unha ferramenta onde poderán contactar con outros superviventes de diferentes países amais de poder expresar dúbidas, preguntas e inquietudes para que os orientadores poidan aconsellalos).
Os socios do proxecto son: CATRO (Coordinador. Bulgaria); Die Berater (Austria); KKH-Kinderkrebshilfe (Austria); CESGA (España); USC (España) e SEN/JA (Grecia). Para máis información sobre este proxecto cómpre visitar a web oficial de Create your Future, o Facebook de seu ou a canle de Youtube.
Rexístrate como: