A tecnoloxía móbil é o principal campo de coñecemento no que se está actualmente traballando dentro do sector das Tecnoloxías da Información e Coñecemento (TIC) accesibles, de acordo coa segunda entrega do Plan de Vixilancia de Tecnoloxía para todos que elabora a Fundación ONCE.
'O avance tecnolóxico que se está producindo nestes momentos non debe deixar de lado ás persoas con discapacidade. Por esta razón é necesario coñecer en que campos se está desenvolvendo e incorporar aspectos relacionados coa discapacidade nos proxectos de I+D+i que están a se pór en marcha, polos distintos estamentos' segundo sinala Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE.
Para coñecer cales son as principais liñas de investigación analizáronse catro tipos de fontes como son: entidades gobernamentais, universidades, empresas e 'startups'. Nesta ocasión obtivéronse 1.194 entradas de todo o mundo. Desta cifra global, o 20 por cento tratan de proxectos ou servizos directamente relacionados coa discapacidade.
Os expertos de Fundación ONCE aglutinaron baixo o concepto de tecnoloxía móbil, cun 11,1 por cento do total, todos aqueles proxectos que tratan sobre o desenvolvemento de tecnoloxía poñible (wearables), solucións para comunicación por móbil, desenvolvemento de aplicacións e de dispositivos móbiles.
O segundo tema máis frecuente é a robótica, que representa o 10 por cento. Nela inclúense asuntos como o desenvolvemento de drons, robots de asistencia con fins médicos, exoesqueletos ou humanoides, entre outros. Así mesmo, agrúpanse proxectos dedicados ao uso da robótica para o desenvolvemento doutras tecnoloxías.
No apartado de 'tecnoloxía para discapacidade', que representa o 8,7 por cento, agregáronse entradas que tratan sobre produtos de apoio, accesibilidade, etcétera. A cuarta categoría máis frecuente é 'saúde intelixente' (8,6%) e agrupa temas relacionados co desenvolvemento de maquinaria médica, próteses, tecnoloxía non intrusiva para a captación de datos sobre a saúde das persoas e saúde por móbil.
A esta categoría séguelle 'aprendizaxe automática' (machine learning), que representa o 8,5 por cento. Aquí agrupáronse asuntos que se refiren ao desenvolvemento de algoritmos, 'deep learning' (aprendizaxe profunda) e outros proxectos xerais nos que se emprega a aprendizaxe automática.
A categoría 'Big Data', que representa o 6,6% dos temas, inclúe etiquetas relacionadas co desenvolvemento de tecnoloxía para a análise de grandes cantidades de datos e para a xestión das bases de datos. Entre estas etiquetas tamén figuran proxectos de desenvolvemento de análise de grandes datos relacionados coa saúde.
Finalmente, a categoría 'Internet das cousas' (5,8%) agrupa entradas que tratan sobre o desenvolvemento de aplicacións da internet das cousas, por exemplo, obxectos intelixentes, sistemas de domótica, aplicacións industriais, entre outros. O resto das categorías inclúen temas como a visión artificial, computación, a nube ou tecnoloxía de voz.
Rexístrate como: