A Fundación Galicia Obra Social (AFundación) e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) organizan hoxe, na Sede Afundación en Ferrol, desde as 10.30 ata as 13.30 horas, o obradoiro Trámites online: compras por Internet, pagos seguros e moito máis. O obxectivo da actividade, informan as dúas entidades, “é potenciar o papel activo dos maiores na nosa sociedade”, facendo fincapé no uso práctico das novas ferramentas dixitais, de probado potencial para incidir no envellecemento saudable. O curso enmárcase no proxecto Ágora-Tecnoloxía, que promove un novo modelo de acceso ao coñecemento baseado na innovación e na aplicación das novas tecnoloxías.
O obradoiro, como dixemos, vén da man da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors, que está a promover a implicación dos alumnos e ex alumnos dos programas universitarios para maiores dos campus de Galicia na actualización permanente nos diferentes aspectos formativos ou tendencias tecnolóxicas. O proxecto Ágora-Tecnoloxía, no que colabora Afundación, ofrece diferentes cursos orientados a profundar no manexo das redes sociais, a distinguir os riscos presentes en Internet, a coñecer as posibilidades das aplicacións para móbiles ou mesmo a mellorar a práctica en determinados programas informáticos.
O 25 de febreiro será a quenda da Coruña, cuxa Sede AFundación acollerá o curso seguinte do programa, Redes sociais. Fai amigos e comparte as túas experiencias. Pola súa banda, a sede de Abanca en Ourense dará acubillo o vindeiro 1 de marzo ao taller Fotografía e vídeo dixital: edición e uso de aplicacións. En ambos os dous casos o horario é de 10.30 a 13.30 h.
Rexístrate como: