Dende a nosa terra chega a que sería, dentro do panorama galego e estatal, a primeira webserie en lingua de signos. Falamos de Mírame cuando te hablo, serie concibida para ser achegada a través da Rede e que pode seguirse todos os xoves a partir das 21.00 a través da páxina web de seu, miramecuandotehablo.com. Por certo que dende esta páxina xa se están a emitir os capítulos da segunda tempada (dende onte). No seu haber conta xa con sete nomeamentos e 3 premios obtidos en diferentes festivais. O obxectivo do proxecto é “disipar os atrancos que existen para as persoas que sofren xordeira”.
A iniciativa vén da man de Idendeaf (Asociación para a formación e produción audiovisual en lingua de signos) e está patrocinada, entre outros, por Senssia, empresa de cociñas situada en Pontevedra e cun forte ideario de compromiso e responsabilidade social (Senssia “pasou” recentemente por Código Cero con motivo da posta en marcha do seu blog). Sinalar que entre as compañías que achegan apoio ao proxecto tamén se atopa unha firma TIC galega de longo percorrido e amplo prestixio: Dinahosting.
Con esta webserie rodada en Galicia, Idendeaf tenta “responder a unha forte demanda de contidos de lecer por parte das persoas xordas”. Segundo engade a asociación, trátase “dun proxecto pioneiro para a eliminación das barreiras da comunicación que sofren miles de persoas en España”. De feito, engádese, a día de hoxe as persoas que teñen estas características non contan coa posibilidade real de acceder con plenitude ao lecer televisivo ou cinematográfico. Neste senso, Mírame cuando te hablo diríxese a romper estas barreiras “a través de historias divertidas coas que o público se sentirá identificado”.
Sinalar tamén que o proxecto audiovisual non desbota, nin moito menos, chegar a un público o máis amplo posible, traballando desta maneira a prol da integración entre colectivos. A este respecto, un dos obxectivos fundamentais foi dende o comezo xuntar espectadores usuarios da lingua de signos xunto con outro máis xeral, “que consume televisión acotío, acadándose así a integración social de maneira máis óptima”.
Rexístrate como: