Televés, firma galega especializada en equipamento de telecomunicacións e TDT, vén de anunciar a súa participación como expositora tecnolóxica na feira referencial do ámbito TIC: a Mobile World Congress, que se desenvolve en Barcelona do 22 ao 25 de febreiro. No evento a compañía de Santiago amosará a súa solución para o ámbito da eSaúde (novas tecnoloxías aplicadas aos ámbitos dos coidados e a medicina) CareLife, un sistema intelixente que fornece un punto de atención integral no fogar personalizable para as necesidades e evolución de cada usuario. A presentación de CareLife realizarase conxuntamente con Cruz Vermella na caseta de Vodafone España (Hall 6 Caseta 6B30), onde se realizarán demostracións do produto.
CareLife, como temos sinalado noutras ocasións, ten por obxectivo o coidado e a mellora da calidade de vida dos maiores e das persoas dependentes, “desde a perspectiva do fomento do envellecemento activo e saudable. Trátase, pois, dun sistema intelixente que analiza as rutinas e hábitos de vida do usuario para obter e establecer perfís que faciliten o seu seguimento e control a distancia.
O sistema, engade a empresa, está baseado nas novas tendencias de Ambient Assisted Living (AAL). Ou sexa, en metodoloxías innovadoras para permitir o mellor control médico posible dunha persoa co mínimo de molestias e sen que esta teña que desprazarse ou trocar en algo a súa contorna de vida diaria. Deste xeito, mediante sensores sen fíos, CareLife analiza de forma autónoma a rutina do usuario, chegando a establecer perfís e hábitos de vida que se converten en claves para o seu seguimento, “preservando a intimidade e fomentando a confianza”.
Segundo explica Televés, “CareLife é pioneira no concepto de teleasistencia ubicua”, permitindo a comunicación intelixente co terminal de teleasistencia móbil do usuario, utilizando o estándar aberto pasos desenvolvido pola Fundación de Tecnoloxías Sociais (entidade promovida por Fundación Vodafone e Cruz Vermella).
Rexístrate como: