Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo de Yuzz

O sétimo programa Yuzz chega a Compostela para apoiar á mocidade máis emprendedora

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 17/02/16 (08:17)

Hoxe a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia abrían as portas do centro que servirá de sede para formar a 25 emprendedores seleccionados para a VII edición do programa Yuzz Mozos con ideas, que conta co apoio do Banco Santander, a través de Santander Universidades. E que significa Yuzz? É un programa encamiñado a mozos e mozas de entre 18 e 31 anos que achega, durante cinco meses, apoio, formación e asesoramento para elaborar plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica.

O dito programa foi dado a coñecer por representantes das institucións colaboradoras do centro Yuzz local da Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia nas instalacións Centro Yuzz Santiago situadas no Edificio Emprendia do Campus Sur que servirán de sede e espazo co-working.

Recibíronse máis de 2.600 solicitudes en todo o país, e no centro de Santiago seleccionáronse a 25 emprendedores e emprendedoras (número máximo por sede) por aspectos como o seu perfil emprendedor, traxectoria, capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento da súa idea, entre outros.
Os elixidos terán que dar feitura e desenvolver o seu proxecto para convertelo nunha empresa viable. Para iso, o programa Yuzz porá á súa disposición un espazo de traballo para desenvolver as súas ideas, onde poderán relacionarse con outros emprendedores e recibir formación dunha rede de máis de 200 expertos profesionais que os asesorarán, xunto cun titor individual, na realización do plan de negocio.

Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento, o responsable do mellor proxecto viaxará a Silicon Valley, eixo mundial da innovación no ámbito das novas tecnoloxías da información, onde poderá acceder a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores.

Á súa volta, estará en disposición de optar a financiamento para pór en marcha a súa idea de negocio xa que Yuzz repartirá 60.000 euros en premios para o tres mellores proxectos do país (30.000 euros para o primeiro premio, 20.000 euros para o segundo e 10.000 euros para o terceiro).

En canto a novidades, recoñecerase o liderado e a habilidade emprendedora das mulleres que participen nalgún dos proxectos e modelos de negocio desenvolvidos nos máis de 50 centros adscritos nesta edición. Empresarias e emprendedoras de renome nacional elixirán o mellor proxecto liderado por unha muller emprendedora de España, que recibirá un premio dotado con 20.000 euros e o apoio dun equipo de profesionais de EY para desenvolver o seu proxecto.

Asemade, os participantes que promovan proxectos innovadores baseados na aplicación de tecnoloxías no ámbito da banca e dos servizos financeiros optarán a conseguir o premio Yuzz Fintech, de tecnoloxía financeira. Grazas ao cal poderán gozar dun programa de aceleración específico de catro meses de duración, desenvolvidos nos espazos de innovación da Cidade Grupo Santander, con supervisión e orientación ofrecida por profesionais da área Corporativa de Innovación de Banco Santander.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou na apertura oficial do programa Yuzz, onde ratificou a aposta “clara e decidida” do Goberno galego polo emprendemento xuvenil e innovador e, neste senso, destacou que a Consellería de Economía está a desenvolver diversas medidas para crear novas oportunidades de emprego entre os máis novos. Ao respecto, indicou que, enmarcado no Programa de Garantía Xuvenil, activáronse a principios de ano axudas por valor de 12,7 millóns de euros, entre as que resaltou a convocatoria de apoio aos autónomos menores de 30 anos, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal