Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da web

A web da Consellería de Facenda recibe a terceira maior puntuación en accesibilidade entre 152 portais españois

  • Un informe do Ministerio de Hacienda outórgalle ao portal do departamento autonómico unha puntuación media de 9,35 sobre 10
  • Ademais, sitúase no segundo posto entre os 18 portais de tributos analizados polo Observatorio de Accesibilidade
  • Este observatorio realiza auditorías periódicas dos portais da Administración do Estado, das comunidades autónomas e dos concellos para coñecer de forma fidedigna o estado de accesibilidade
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 16/02/16 (07:48)

O portal web da Consellería de Facenda –deseñado polo Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC)- recibiu a terceira maior puntuación na avaliación en materia de accesibilidade dun conxunto de 152 sitios web de toda España, segundo mostra un informe do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas (MINHAP).

O portal da Consellería de Facenda (www.conselleriadefacenda.es) obtivo unha puntuación media de 9,35 puntos sobre 10; e sitúase ademais en segundo lugar cando se analizan os 18 portais de tributos examinados polo Observatorio de Accesibilidade do MINHAP.

Este Observatorio realiza análises sobre o grao de cumprimento en materia de accesibilidade dalgúns dos portais máis relevantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e das entidades locais, co obxectivo de ofrecer un informe sobre a súa situación que axude a mellorar os problemas de accesibilidade.

O principal obxectivo deste Observatorio é o de realizar auditorías periódicas dos portais das diferentes administracións públicas e coñecer de forma fidedigna o seu estado de accesibilidade co fin de axudalos a mellorar.

Deste xeito, o informe trata de analizar como o grao de accesibilidade evoluciona ao longo do tempo e identificar aqueles problemas que resultan máis comúns, para desta forma extraer conclusións e plans de acción axeitados que permitan afianzar un nivel óptimo de cumprimento de maneira sostida no tempo.

Esta actuación enmárcase nas directrices establecidas pola Comisión de Estratexia TIC e o Comité Sectorial de Administración Electrónica para a promoción da Administración Dixital mediante a realización de estudos, e a través do deseño e a execución de programas de actuación, así como coa cooperación entre as distintas Administracións.
 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal