Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento

A Nova Escola Galega organiza en Vedra un seminario internacional sobre como usar ben as TIC no ensino

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 04/02/16 (08:00)

O Grupo de Investigación de Materiais Didácticos CAVILA (Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, NEG) vai organizar os días vindeiros un seminario para axudar ás familias e máis ao profesorado a avaliar os recursos tecnolóxicos que se empregan e que se poden empregar a día de hoxe no ámbito do ensino (potencialidades, consellos para usalos de maneira axeitada, riscos dun mal emprego, etc). A actividade, a sétima edición do ciclo de seminarios que impulsa o devandito grupo, desenvolverase con alcance internacional os días 19 e 20 de febreiro no CPI de Vedra (A Coruña). En palabras do equipo organizador, diríxese a “apoiar ás familias e ao profesorado no uso responsable das novas tecnoloxías e na avaliación dos recursos empregados para a educación”.

Contarase, entre outros relatores expertos en TIC, con Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), e Antonio Rial Boubeta, profesor da USC e un dos principais impulsores na nosa terra da necesidade de educar ás novas xeracións nos mellores xeitos de facer uso das redes.

O Seminario-Obradoiro Internacional de Avaliación de Materiais Didácticos comeza na tarde do venres 19 coa mesa Luces e sombras na Rede: inquedanzas e alternativas, na que diversos profesionais debaterán sobre como lidar “co arduo traballo de educar ás novas xeracións que medran rodeadas de novas formas de comunicación e ocio”. De seguido haberá unha conferencia e presentación literaria en torno ao poder de atracción das redes sociais e a súa aplicación no ensino.

O sábado, as persoas inscritas na xornada participarán en obradoiros personalizados nos que iniciárense na avaliación e deseño de xoguetes, videoxogos, webquests, materiais de música, de matemáticas e libros de texto, entre outros recursos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal