Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Anciá en cadeira de rodas co robot Nuka

O 'robot foca' que ofrece compañía chega a España

  • 'Nuka' está ideado para acompañar a persoas con necesidades especiais.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/01/16 (10:04)

A foca 'Nuka', un robot con forma de peluche, ofrece compañía e asistencia a persoas con necesidades especiais, entre elas dependentes, persoas con autismo ou maiores. Pode substituír as terapias con animais, xa que está deseñado para interactuar co ser humano.

Ademais, o seu creador, o xaponés Takanori Shibata, afirma que pode chegar a "substituír aos psicotrópicos".

Xapón leva á súa caseta do 'Global Robot Expo', que arrincou este xoves en Madrid no Pavillón de Cristal da Casa de Campo, dous robots ideados para facilitar a vida a persoas con discapacidade ou con necesidades especiais. Para iso, viñeron a España dous inventores coas súas respectivas creacións: un exoesqueleto ou 'traxe de músculo' e 'Nuka', o 'bebé foca' que xa protagonizou un capítulo nunha serie de éxito.

Shibata é o creador de 'Nuka' -nome comercial que escolleron en España para o robot PARO-, que ten como obxectivo acompañar a persoas con autismo, maiores, persoas dependentes ou con necesidades especiais. A primeira ollada pode parecer un peluche, pero está dotado cunha tecnoloxía que lle permite interactuar con calquera ser humano, mostrando os seus sentimentos e emitindo sons.

Aínda que pode confundirse cun xoguete, o 80% dos municipios de Dinamarca compraron exemplares de PARO (Persoal Robot) para traballar con el en centros asistenciais, e é que este robot "achega afecto" a quen máis poden agradecelo, segundo afirmou o seu creador a Servimedia.

Shibata explicou que escolleu unha foca porque se trata dun animal que "podía ser aceptado por todo o mundo", xa que mentres que sempre existen persoas ás que non lles gustan os cans ou os gatos, isto non adoita darse con estes mamíferos. "Buscaba un animal co que alguén se puidese sentar no sofá a interactuar", sinalou.

 

"Nuka substitúe aos psicotrópicos"

Shibata dixo que 'Nuka' "é moi conveniente para as terapias afectivas". Así mesmo, asegurou que pode chegar a "substituír aos psicotrópicos" en terapias destinadas a persoas con depresión, xa que "pode estimular o cerebro humano" e, ademais, "non ten efectos secundarios".

Explicou que, ao non ter as necesidades dun animal, é máis fácil dispor del en centros asistenciais. Costa ao redor de 6.000 euros e chegou a protagonizar un episodio dunha das series máis exitosas en Netflix: 'Master of None'. O seu inventor sinalou que agora o seu gran reto consiste en introducir PARO en Europa, despois de estar a se comercializar xa en 30 países.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal