Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación de ICCKids

A Deputación de Ourense aposta pola formación tecnolóxica para a mocidade con ICCKids

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/01/16 (09:46)

As nenas, nenos e adolescentes da nosa terra teñen ao seu alcance un interesante programa de actividades para formárense (formárense aprendendo) nunha chea de ámbitos formativos, científicos e tecnolóxicos. Falamos de ICCKids 2016, unha iniciativa que se desenvolve (por vez primeira) como ramificación dun evento máis xenérico, ICCWeek 2016, ámbolos dous da man da Deputación de Ourense. O programa ICCKids 2016 vai dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 15 anos e inclúe un completo programa de obradoiros. O evento presentouse esta semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o coordinador da ICCWeek, Juan Rivas; e a coordinadora da ICCKids, Cristina Blanco. ICCKids é, en boa medida, unha ampliación ao público infantil e xuvenil dos obxectivos e liñas temáticas de ICCWeek.

Os obradoiros para nenos e adolescentes desenvolveranse ao longo de todo o ano 2016 en diferentes poboacións do territorio provincial: Bande, Celanova, O Barco, Xinzo de Limia, Ourense, O Carballiño, Verín e Beade. As actividades abranguerán temas como programación informática, fotografía, pintura e plastilina condutivas, stop-motion e video mapping. En palabras de Balatar, “estamos a falar da xeración mellor preparada que vai en sintonía coa innovación tecnolóxica e a ICCWeek non ía descoidar esa parte tan importante do futuro de Ourense que son os máis novos".

Pola súa banda, Juan Rivas agradeceu a sensibilidade da Deputación de Ourense "á hora de aceptar propostas que tocan as industrias culturais e creativas no momento no que acabou a ICCWeek do 2015, e na procura de seguir mellorando puxemos o foco nos máis pequenos".

Cristina Blanco explicou que con este proxecto “preténdese que os nenos da provincia de Ourense teñan a oportunidade de coñecer outras propostas que non sexan as habituais senón outras enfocadas a desenvolver a súa creatividade", e engadiu: “Queremos que non só sexan nenos que consuman Internet senón que produzan seus propios contidos para a Rede”. Deste xeito, todos os obradoiros terán a súa exposición na semana cultural da ICCKids, onde os pais poderán ver os traballos realizados por nenos e adolescentes, e tamén haberá micro-talleres neste espazo e pezas interactivas onde as familias poderán xogar.

Os interesados en participar poden inscribirse xa na páxina web ourenseiccweek.com. Todos os obradoiros son de balde, pero con previa inscrición. As actividades comezan esta fin de semana polas mañás en Beade e, pola tarde en Bande cun obradoiro de stopmotion e video mapping.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal