Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Obradoiro de Whatsapp de AGACA

AGACA amosa como usar o Whatsapp a mulleres socias de Feiraco

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 28/01/16 (07:57)

AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) está a levar a cabo unha serie de importantes actividades de divulgación para as mulleres do rural, abranguéndose contidos tecnolóxicos e dixitais. Nesta liña insírese o obradoiro sobre a ferramenta de mensaxería Whatsapp que a asociación desenvolve para un grupo de traballadoras de Feiraco. A través deste tipo de iniciativas, AGACA quere introducir ás mulleres socias das cooperativas no uso e coñecemento das TIC.

O obradoiro sobre Whatsapp ten a súa orixe na cadea de xornadas Atrévete contigo mesma (en marcha dende decembro por toda a xeografía galega) e máis nas múltiples accións a prol da igualdade que se veñen celebrando dende 2013. Ao abeiro destas accións, detectáronse áreas de especial interese para as socias, entre as que se conta o uso da devandita ferramenta móbil.

Ao longo da tarde de mañá, xoves, terá lugar a segunda edición deste obradoiro (nivel máis avanzado có primeiro), onde un grupo de socias de Feiraco terá ocasión de aprender a enviar mensaxes, gravar e enviar audios e fotos, engadir contactos, conectarse a unha rede Wi-Fi, crear grupos, elaborar listaxes de difusión, configuración e outras accións.

Segundo lembra AGACA, Feiraco “tense implicado dende o principio coas diferentes iniciativas realizadas”, chegando a crear mesmo un propio, Mulleres de seu, que demanda un bo número de accións formativas e divulgativas. Os talleres son impartidos pola axente de Igualdade e técnica de AGACA, Ruth Rodríguez.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal