Quen non goza viaxando en tren? É un medio de transporte cómodo, ecolóxico, rápido, seguro e cunha oferta de prezos atractiva. Por iso é tan importante que, aos poucos, se introduzan as melloras necesarias para que utilizalo resulte accesible a todo o mundo, tamén ás persoas con discapacidade ou mobilidade reducida. Renfe deu un paso nesa dirección lanzando recentemente a app Renfe Atendo (dispoñible tanto para Android como para iOS).
'Atendo' é un servizo de atención e asistencia que Renfe pon a disposición destes pasaxeiros. O seu obxectivo é orientar, facilitar e informar os viaxeiros sobre todo aquilo que necesiten para realizar os seus traxectos; desde a compra dos billetes até o tránsito polas estacións, sen esquecer a entrada e saída dos trens. Deste xeito téntase garantir a igualdade de dereitos e oportunidades no acceso a este servizo público.
A aplicación Renfe Atendo serve para avanzar cara a ese obxectivo. Utilizándoa, os pasaxeiros con discapacidade ou mobilidade reducida poden solicitar facilmente desde o seu dispositivo móbil esta clase de servizos de asistencia, así como cancelalos ou comprobar que a súa petición se procesou adecuadamente. Tamén permite comprar billetes e consultar, en formato accesible, toda a información sobre o servizo 'Atendo'.
Renfe, que desenvolveu esta app en colaboración con ILUNION, a ONCE e a Fundación Renfe, tamén anunciou que continuará traballando sobre esta tecnoloxía para dotala de cada vez máis funcións e posibilidades. Se che interesa este proxecto, non o dubides: descarga a aplicación de forma completamente gratuíta en Google Play ou a App Store e próbaa.
Rexístrate como: