Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Neno usando AbaPlanet PRO nunha tableta

Nace AbaPlanet PRO, plataforma virtual de aprendizaxe de vocabulario para nen@s con Trastornos do Espectro do Autismo

  • A nova plataforma, baseada na Intelixencia Artificial, pon ao servizo de pais e profesionais un completo sistema de aprendizaxe evolutiva e autónoma, que toma decisións en base ao rendemento do usuario.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 20/01/16 (10:24)

Fundación Planeta Imaxinario presenta AbaPlanet PRO, a nova versión de AbaPlanet, unha das súas aplicacións para iPad, especialmente deseñada para a aprendizaxe en nenas e nenos con necesidades educativas especiais, como o Trastorno do Espectro do Autismo (TEA), dentro do cal se achan trastornos como o Autismo ou a Síndrome de Asperger.

AbaPlanet PRO foi concibida por psicólogos expertos en conduta, con máis de 20 anos de experiencia con nen@s que sofren TEA. AbaPlanet PRO defínese como un sistema de aprendizaxe de vocabulario, que inclúe máis de 350 conceptos, cada un con varias imaxes e fotografías. A plataforma permite ao usuario realizar exercicios de recoñecementos de obxectos idénticos ou similares, así como de asociación entre a palabra escoitada e a súa imaxe.

Os beneficios máis destacables de AbaPlanet PRO son:

  • Sistema experto adaptable: incorpora un sistema de Intelixencia Artificial que toma decisións durante a sesión, aumentando ou diminuíndo o nivel de dificultade e os apoios, segundo o rendemento do usuario. Ideal para os pais, xa que poden usar a plataforma en casa sen necesidade da presenza do terapeuta.
  • Rexistro de sesións: todas as sesións quedan gravadas nun rexistro cos detalles de cada sesión para a súa análise posterior. Ideal para os profesionais, converténdose nunha gran ferramenta de apoio, que permite valorar a evolución do usuario sesión a sesión.
  • Baseado no reforzo positivo: tras realizar certo número de exercicios correctamente, a plataforma dispón de múltiples reforzadores que administra como estímulo positivo para aumentar a motivación do usuario para seguir aprendendo.
  • Múltiples usuarios: AbaPlanet PRO permite crear perfís personalizados para cada usuario que use a plataforma, incluíndo todas as súas sesións e avances realizados.
  • Creación de sesións: o usuario pode crear as súas propias sesións de aprendizaxe personalizadas, así como engadir imaxes propias e distintas voces.

AbaPlanet PRO está inspirada na metodoloxía ABA (Applied Behavior Analysis), ou Análise Aplicada de Conduta. Esta aproximación ao comportamento humano demostrou a súa eficacia no tratamento de nenas e nenos con TEA, a través de numerosos estudos en prestixiosas revistas científicas.

Actualmente xa está dispoñible en castelán, catalán e inglés, e pode descargarse desde iTunes Store para iPad, cun prezo de 19,99 euros. Este importe inclúe xa os máis de 350 conceptos con miles de imaxes e fotografías, así como as múltiples opcións de reforzadores dispoñibles. Así, non son necesarias as compras dentro da plataforma, e tampouco require ningún tipo de subscrición por parte do usuario.

AbaPlanet PRO foi concibida e deseñada por Fundación Planeta Imaxinario, centro clínico, de formación e de investigación con máis de 14 anos de experiencia, que ofrece programas de intervención conductual, temperá e intensiva para nen@s con Trastornos do Espectro do Autismo. A Fundación conta cun extenso equipo de psicólogos, psicopedagogos, logopedas e educadores, con formación e adestramento específico na abordaxe desta clase de trastornos.

Máis información na Web Oficial da Fundación Planeta Imaxinario.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal