Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Paciente usando lentes de realidade virtual

Que pode aportar a realidade virtual á rehabilitación?

  • O sistema inclúe un software desenvolvido nun motor de videoxogos (Unity) combinado con dúas tecnoloxías: Intel RealSense, un sensor de movemento, e Oculus Rift DK2, as lentes de realidade virtual a través das cales o usuario pode ver o programa e comprobar o movemento que está a facer.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 19/01/16 (08:26)

Investigadores do departamento de Informática da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) desenvolven un sistema de realidade virtual para a rehabilitación do ombreiro. O proxecto, aínda en fase experimental, podería usarse na rehabilitación de calquera parte do corpo.

O sistema inclúe un software desenvolvido nun motor de videoxogos (Unity) combinado con dúas tecnoloxías: Intel RealSense, un sensor de movemento, e Oculus Rift DK2, as lentes de realidade virtual a través das cales o usuario pode ver o programa e comprobar o movemento que está a facer. Mediante estas tecnoloxías o paciente entraría nun xogo de fútbol, no que sería o porteiro e tería que parar os balóns que lle van lanzando, centrando a actividade en dous movementos, a adución e abdución do ombreiro, é dicir, subir e baixar os brazos formando unha 'T' co corpo. 'O obxectivo é a rehabilitación do ombreiro utilizando a realidade virtual', afirma Alejandro Baldominos, investigador do departamento de informática da UC3M. Calcúlase que con este sistema conseguirían reducir o tempo de rehabilitación a uns 20 minutos ao día.

Aínda que se trate dun prototipo, esta tecnoloxía podería chegar a utilizarse na rehabilitación doutras zonas do corpo, 'poderíase facer con outras partes do corpo, o tronco superior é o máis sinxelo pola tecnoloxía da que dispomos, xa que os sensores de movemento detectan o que é pescozo e brazos, pero tamén podería facerse no tren inferior, aínda que está por desenvolver', asegura Alejandro Baldominos.

O proxecto desenvolveuse para a súa utilización en centros de rehabilitación, nos que un fisioterapeuta poida supervisar o resultado dos exercicios que realizan os pacientes. Con todo, segundo nos comenta o investigador da UC3M, 'poderíase introducir na sanidade pública, aínda que quizais sería máis fácil na privada, xa que parece que hai menos inmobilidade que na pública', engade. Actualmente o prototipo atópase en fase de avaliación por expertos que ditaminen a súa eficacia e seguridade e se poida pasar aos ensaios clínicos, 'Isto é un prototipo, e aínda que é funcional ten as súas limitacións. Fixemos avaliacións con fisioterapeutas para que o examinen e avalíen, e o ideal sería comezar con ensaios clínicos a medio prazo, pero non o sabemos xa que hai que ter certas garantías de que o prototipo é seguro' engade.

Esta investigación forma parte de SEACW (Ecosistema Social para o Envellecemento, a Capacitación e o Benestar), un proxecto europeo cuxo obxectivo é converterse nun punto de encontro en Internet para todos aqueles interesados no envellecemento activo e saudable por medio das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Financiado polo Programa Europeo CIP-ICT-PSP 2012 da Comisión Europea, está realizado por un consorcio de socios de cinco países europeos: Bulgaria, España, Francia, Italia e Malta. Ademais do coordinador, a empresa española Áliad Coñecemento e Servizo, participan os seguintes socios xunto á UC3M: Eseniors, Exorgroup, GIP Formation Continue, Gruppo Sigla, Instituto de Neurobioloxía da Academia das Ciencias de Bulgaria, Universidade de Tecnoloxías de Troyes (Francia) e Universidade de Vic.

Tema: Xeral
Fonte: Innovaticias
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal